A borrasca Bárbara deixa ventos de ata 110 quilómetros por hora nas Rías Baixas
Por Redacción
O paso da borrasca Bárbara deixouse notar nas últimas horas nas Rías Baixas. Non tanto polas choivas que, de maneira persistente, caeron en toda a provincia, senón polo vento. Rexistráronse refachos de ata 110 quilómetros por hora.
Esa máxima detectouse na estación meteorolóxica que Meteogalicia ten no monte Xesteiras, no municipio de Cuntis. Foi pouco despois das tres da tarde deste luns.
En canto á choiva, en Pontevedra recolléronse uns 24 litros por metro cadrado, unha das localidades das Rías Baixas onde máis auga caeu durante a última xornada.
A pesar desta situación adversa, non se produciu incidencias de consideración.
Xa este martes, a borrasca apenas se deixará notar en Galicia e avanzará cara o norte e o oeste da península ibérica, segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía.
Iso si, tras unha pequena tregua pola mañá, as choivas regresarán abundantemente a partir do mediodía e as temperaturas descenderán lixeiramente.