Ponte Caldelas tramita a apertura de sete novos establecementos comerciais no municipio
Por Oskar Viéitez
O goberno local de Ponte Caldelas sinala que o municipio "segue medrando a moi bo ritmo", como demostra o movemento urbanístico.
Dende xaneiro de 2018 o Concello emitiu un total e 328 licencias de obra maior e comunicacións previas de obras menores. Así, no ano 2018 foron 47 comunicacións previas e 46 licencias; en 2019 houbo 97 comunicacións previas e 46 licencias; e no que vai de 2020 xestionáronse 69 comunicacións previas e 23 licencias.
Ademais, na actualidade hai sete expedientes para apertura de novos locais comerciais e de hostalería no casco urbán, unha cifra "moi boa" tendo en conta que "na maioría dos concellos da contorna están a pechar negocios", destaca o Concello, mentres en Ponte Caldelas só houbo que lamentar o peche dun establecemento comercial do casco urbán nos meses posteriores ó confinamento.
O Concello de Ponte Caldelas vén de sacar adiante unha praza de arquitecto a tempo completo, que se cubriu definitivamente fai unhas semanas, unha decisión que o goberno local xustifica nesta "elevada actividade a nivel urbanístico, xunto ó gran número de proxectos que se están a poñer en marcha".
A arquitecta que ocupa a praza ten atención ó público dous días á semana: luns e xoves, mentres os tres días restantes os ocupa en dar saída aos expedientes tanto das proxectos municipais como das iniciativas privadas.