Deteñen unha parella do Grove que levaba 415 gramos de cocaína escondidos na guanteira do coche
Por Redacción
A Garda Civil detivo a pasada fin de semana dous veciños do Grove de 21 e 31 anos como presuntos autores dun delito contra a saúde pública ao ser sorprendidos con 415 gramos de cocaína nun control de estrada realizado en Ribadumia.
Unha patrulla de seguridade cidadá de Cambados establecera un punto de verificación de vehículos na ponte de Barrantes e aos axentes chamoulle a atención a "actitude sospeitosa" dos dous ocupantes dun dos vehículos que foi interceptado, de modo que lle deron o alto e realizaron unha minuciosa inspección do turismo.
Os axentes atoparon na guanteira tres bolsas de plástico que contiñan 415 gramos de cocaína e 10.480 euros que gardaban no interior dunha alxibeira que se localizou sobre os asentos traseiros.
O condutor levaba consigo outros 105 euros en efectivo, que tamén foron intervidos.
Os dous ocupantes foron detidos. Un deles quedou en liberdade xa en sede policial, e o outro foi posto ao dispor do Xulgado de Instrución número 1 de Cambados, que decretou a súa liberdade provisoria con cargos.