En caso de cicloxénese explosiva e caída de todas as comunicacións tradicionais, sempre quedará a radio
Por Redacción
En caso de que se dea unha situación de emerxencia provocada por unha cicloxénese explosiva que cause a caída de todas as comunicacións tradicionais na provincia de Pontevedra, sempre quedará opción de comunicarse por radio como sistema complementario de comunicación.
Así quedou demostrado o pasado domingo durante un simulacro realizado pola Rede Nacional de Radio de Emerxencia (REMER) da Subdelegación do Goberno en Pontevedra, organismo que ten entre os seus obxectivos constituír un sistema de comunicacións alternativo e complementario ás redes de comunicación utilizadas pola Dirección Xeral de Protección Civil e Emerxencias do Ministerio do Interior para dar resposta en caso de situacións límite.
O simulacro foi, en realidade, un exercicio de comunicacións para comprobar a operatividade e cobertura de radio en caso de emerxencia na provincia que buscaba avaliar a cobertura das comunicacións na provincia e comprobar a capacidade de coordinación das diferentes zonas nas que están organizados os colaboradores co obxectivo de detectar posibles deficiencias e propor melloras nos procedementos.
O simulacro completouse con éxito, segundo confirmaron desde a Subdelegación do Goberno en Pontevedra. O Centro Operativo coordinou as comunicacións cos responsables de cada unha das cinco áreas nas que está organizada a estrutura da REMER na provincia, Pontevedra-Morrazo, Caldas-Salnés, Deza-Tabeirós, Vigo-Baixo Miño e Condado-Paradanta. Debido a situación de alerta sanitaria non foi necesario que os colaboradores realizaran desprazamentos e puideron comprobar todas as comunicacións desde a súa casa.
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, destacou Pontevedra conta con máis de medio centenar de voluntarios integrados nesta rede, preparada para garantir as comunicacións ante calquera situación de emerxencia na provincia.
Ademais, quixo agradecer a todos os voluntarios da REMER, e en especial aos participantes neste simulacro, a súa adicación desinteresada, compromiso e dispoñibilidade para facer fronte ás situacións de emerxencia.
A Rede Radio de Emerxencia é unha organización complementaria da Rede de Mando da Dirección Xeral de Protección Civil e Emerxencias do Ministerio do Interior e cobra especial importancia cando as infraestruturas e instalacións terrestres presentan vulnerabilidade en certas situacións de especial emerxencia ou catástrofe; cando as telecomunicacións non están dispoñibles, están danadas, conxestionadas ou desbordadas; ou cando existe unha falta de cobertura en zonas de emerxencia de lugares remotos.
A rede está integrada por radioaficionados que de forma voluntaria intégranse na estrutura para colaborar en situacións de emerxencia. Na actualidade, forman parte de REMER preto de 4.000 colaboradores, 53 deles en Pontevedra, que prestan un servizo de forma altruísta.
Ao tratarse de equipos persoais, autónomos e independentes dos servizos de comunicación profesional de Protección Civil, os radioaficionados poden ser en ocasións a única alternativa eficaz nas comunicacións ante calquera eventual fallo doutras vías.