Os bachareis do IES Sánchez Cantón recuperarán o luns 26 todas as clases presenciais
Por Oskar Viéitez
O IES Sánchez Cantón informou que o vindeiro luns, 26 de outubro, iniciará as clases presenciais dos dous cursos de Bacharelato, con clases os luns e mércores de 15.30 a 22 horas, mentres que os martes, xoves e venres, será de 15.30 a 21.10 horas.
O recreo será entre as 18 e as 18.30 horas.
Ao longo da fin de semana comunicarase ao alumnado os horarios e grupos asignados.
Con esta rectificación os bachareis do Sánchez Cantón poderán ter unha docencia en igualdade de condicións que o resto dos seus compañeiros do municipio. Unha medida que chega despois de que a Consellería de Educación incrementase o persoal de profesorado do centro.
VENTILACIÓN NAS AULAS
Este luns o Comité Educativo anunciou que vai solicitar a elaboración dunhas orientacións específicas de carácter técnico que permitan optimizar a ventilación dos centros escolares, e que deberán estar avaladas polas autoridades sanitarias en base aos criterios científicos.
Se ben no protocolo xeral de inicio de curso xa se indican unhas medidas de ventilación concretas e específicas, agora trátase de desenvolver de xeito máis pormenorizado estas medidas e adaptalas ás distintas situacións metereolóxicas e ás características dos centros educativos.
ABSENTISMO
No marco do Comité Educativo tamén se está traballando nunha proposta para crear comisións provinciais de seguimento ante posibles situacións de absentismo con orixe na covid-19.
Nestes momentos o Protocolo marco de inicio de curso xa aborda o proceso de escolarización para o caso do alumnado en situacións de vulnerabilidade, sempre tendo en conta as indicacións médicas.
Doutra banda, o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, deu conta ante o Comité Educativo da posición do Goberno galego respecto do Real Decreto Lei do Estado que permite a promoción de curso sen que se teña en conta o número de suspensos.
Tras expoñer a súa preocupación por un texto que pode xerar desigualdade entre o alumnado e que vai en contra dos principios básicos da educación como son o esforzo e a motivación, Román Rodríguez explicou que desde a Secretaría Xeral de Educación formouse un grupo de traballo integrado por docentes, inspectores e orientadores para elaborar unhas normas propias que posibiliten manter a calidade do ensino en Galicia.
Relacionadas:
-
O Sánchez Cantón contará con dez aulas adicionais o próximo curso para adaptarse ao contexto covid
Por Manu Otero |
-
O novo plan de ensino virtual traza unha "folla de ruta" ante posibles confinamentos
Por Alejandro Espiño |
-
Os centros educativos da área sanitaria acumulan 64 positivos en covid-19
Por Oskar Viéitez |
-
O Sánchez Cantón ampliará o seu profesorado para recuperar a presencialidade no bacharelato
Por Manu Otero |
-
Unha profesora do instituto Sánchez Cantón dá positivo en covid
Por Redacción |
-
Continúan as protestas polo bacharelato presencial no IES Sánchez Cantón á espera da solución da Xunta
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
O Concello esixe a Educación o bacharelato "100% presencial" no Sánchez Cantón e o Valle Inclán "o antes posible"
Por Alejandro Espiño |