Sanxenxo leva o ximnasio aos maiores
Por Redacción
Se os maiores non van ao ximnasio, o ximnasio vai aos maiores. Fomentar o deporte e a vida saudable dos maiores e cumprir coas medidas de seguridade sanitarias que esixe a pandemia, é o obxectivo que persegue a concellería de Servizos Sociais do Concello de Sanxenxo coa recuperación das sesións de actividade física a través da organización de sesións de traballo ao aire libre nas parroquias a cargo do persoal da piscina municipal, que permanece pechada pola covid.
O obxectivo desta iniciativa é realizar clases matinais cunha duración dunha hora e un máximo de 8 persoas. A periodicidade, dependendo dos maiores rexistrados por parroquia, está prevista para tres veces por semana. O uso de máscara será obrigatorio durante todo o desenvolvemento da actividade, así como o xel hidroalcohólico e a toma de temperatura antes de iniciar a clase.
“Queremos retomar a actividade física para os nosos maiores, pero sempre coas maiores garantías sanitarias posibles. É un sector da nosa poboación que debemos coidar e fomentar ou deporte é unha forma de facelo”, asegura o edil de Servizos Sociais e Deportes, Daniel Arousa.
A outra actividade municipal destinada aos maiores de Sanxenxo, o Taller da Memoria, retomouse o pasado mes de setembro coa entrega de material por parroquias como se realizou durante o período con restricións da pandemia. O obxectivo cando se reabran as casas de cultura é retomar as clases presenciais coas medidas de seguridade necesarias.
Os interesados en inscribirse poden facelo a través do teléfono do Concello de Sanxenxo.