Denuncian que unha auxiliar de Ence obriga aos seus traballadores a estar dispoñibles as 24 horas
Por María José Pita
Os empregados de Bergé Marítima, unha empresa de transporte que dá servizo a Ence Pontevedra, denuncian as precarias condicións nas que teñen que desenvolver o seu traballo. Tras varias negociacións coa empresa sen conseguir unhas garantías laborais, dan o paso de facer pública a súa situación co respaldo dos sindicatos UGT e Comisións Obreiras.
A principal reivindicación dos traballadores non é de tipo económico, senón que se refire á organización das xornadas laborais, como explicaba o secretario comarcal de CCOO, José Luis García Pedrosa: "o tema de ter un cuadrante de turnos de traballo de aplicación da xornada laboral anual que lle garantice a cada un dos traballadores saber cando descansan. Agora mesmo teñen un sistema de turnos que cando están no descanso teñen que estar pendentes de que se lles chame, teñen que estar localizados, e se se lles chama teñen que ir a traballar". O sindicato denuncia que deste xeito a empresa comete unha ilegalidade xa que "está a facer unha distribución irregular da xornada laboral sen ningún tipo de límite", en colisión co Estatuto dos Traballadores que só permite unha distribución irregular do 10% da xornada laboral.
A actividade dos 40 traballadores que constitúen o plantel de Bergé Marítima en Pontevedra (a empresa indica na súa web que conta con case 2000 profesionais en todo o Estado e con presenza en Sudamérica) consiste na recollida e transporte da madeira, cascas das árbores e a pasta de papel no interior da fábrica de Ence en Lourizán e de alí ao porto de Marín. Ramón Vidal, o secretario comarcal da UGT, critica que "non se lle permite considerar que é un traballo perigoso, un traballo de altas cargas, con maquinarias complexas e cun traballo de 24 horas do día, 365 días ao ano". Por este motivo, outra das reivindicacións é que se adecúen as medidas de prevención de riscos laborais ás características especiais desta actividade e que se lles retribúa aos traballadores co correspondente plus de perigosidade.
As irregularidades denunciadas por parte dos sindicatos chegan tamén á hora de pagar a empresa os domingos e festivos traballados, xa que non os está a considerar como tales. Por este motivo, desde os sindicatos piden que se lle abone aos traballadores o complemento económico correspondente por prestar servizo en día festivo.
As negociacións coa empresa comezaron a principios deste 2020 pero Bergé Marítima foi adiando dar unha resposta aos traballadores coa escusa da situación provocada pola pandemia da covid-19. Finalmente a empresa só se ofreceu a recoñecer dúas das reivindicacións dos traballadores: considerar os 15 minutos para o bocadillo como xornada laboral e que o recoñecemento médico anual se considere como tempo de traballo.
A empresa pedía aos representantes dos traballadores asinar este compromiso por 5 anos, deixando fóra as peticións sobre as quendas de traballo e o respecto aos tempos de descanso por lei.
Os sindicatos consideran esta proposta totalmente inaceptable e así llelo manifestaron á empresa, que insiste en que dada a situación económica non pode ofrecer mellores condicións laborais. Neste sentido, os sindicatos lembran que eles acceden a deixar de lado as reivindicacións de tipo económico e asinar un acordo coa empresa con vixencia dun ano no que polo menos se recollan as reivindicacións das quendas de traballo e os descansos, acordes coa lei.
Dado que Bergé Marítima non accede, os traballadores denunciaban publicamente a súa situación nunha comparecencia ante os medios este martes e farano o vindeiro luns 26 de outubro ás 11 da mañá cunha concentración ás portas da factoría de Ence, en Lourizán. O obxectivo é pedir á empresa pasteira que esixa ás súas empresas auxiliares ou subcontratas unhas condicións acordes coa legalidade e co Estatuto dos Traballadores.
"Nós queremos facer unha chamada á dirección de Ence porque pensamos que tamén ten unha parte de responsabilidade nesta situación. O que non pode ser é que as empresas industriais que teñen potencia e solvencia económica permitan que no espacio físico onde está ubicada a propia empresa, neste caso en Lourizán, haxa unha parte moi importante e significativa de traballadores e traballadoras que traballan 365 días do ano para Ence cunhas condicións que en relación co persoal da plantilla é como se foran de cuarta división", manifesta Pedrosa, de CCOO, quen engade que non se trata de equiparar aos traballadores do cadro de persoal de Ence cos das empresas subcontratas, senón que desde a pasteira se esixa que calquera empresa auxiliar que desenvolve a súa actividade no interior da factoría teña unhas condicións de traballo dignas e unhas retribucións xustas.
Relacionadas:
-
Ence declara perdas de 42 millóns de euros no que vai de 2020
Por Redacción |
-
Peche en Celso Míguez do comité de empresa para forzar o diálogo coa dirección
Por Redacción |
-
Oito de cada dez pontevedreses en ERTE son traballadores do sector servizos
Por Alejandro Espiño |
-
Comisións Obreiras pide que se vixíe aos "empresarios irresponsables"
Por Oskar Viéitez |
-
Comisións Obreiras denuncia a "ineficacia" da regulación do rexistro de xornada
Por Oskar Viéitez |