"Herdar en Poio, por culpa das plusvalías municipais, sae moi caro", aseguran desde o PP
Por Redacción
Este mércores desenvolvíase a Comisión de Facenda en Poio. Nela, o Partido Popular defendeu a moción que levará ao próximo pleno municipal de outubro na que reclama a supresión das plusvalías.
Segundo a agrupación que lidera Ángel Moldes, a recadación das plusvalías de 2019 ascende a 470.454 euros, atendendo a un informe do servizo de intervención do Concello. O concelleiro popular Sergio Pereira sinala que hai unha nefasta xestión de previsión e un "espolio fiscal en toda regra".
En particular, os populares céntranse nas herdanzas que contan cunha maior presión fiscal. As transmisións a título lucrativo alcanzan os 310.850 euros. Para Pereira este tributo é inxusto e provoca que miles de familias do municipio se vexan afogadas economicamente.
Neste sentido, lembran que noutros concellos non se cobra este imposto municipal. "Herdar en Poio, por culpa exclusiva das plusvalías municipais, sae moi caro", afirma o concelleiro da oposición.
Este imposto sobre o incremento de valor dos terreos de natureza urbana é un tributo que os gobernos locais poden decidir se o cobran ou non. E por este motivo, os populares trasladarán ao próximo pleno a súa proposta de que se suprima. Sergio Pereira insiste en que os residentes en Poio, a pesar de ser dos cidadáns que máis impostos pagan en Galicia, "son os que menos servizos e investimentos municipais teñen".