As empresas da Ruta do Viño Rías Baixas fórmanse para adaptarse fronte á covid
Por Redacción
Os establecementos asociados á Ruta do Viño Rías Baixas iniciaron o Plan de Formación e adaptación fronte á Covid-19 de Enoturismo Galicia.
Esta iniciativa está promovida pola marca paraugas que reúne o sector enoturístico vinculado ás cinco Rutas do Viño de Galicia (Rías Baixas, Ribeira Sacra, Monterrei, Ribeiro e Valdeorras) e comprende cinco seminarios web.
"Trátase dunha acción demandada polos nosos asociados e coa que buscamos achegar coñecemento e unhas pautas para seguir nun contexto de incerteza como o actual", indica Lorena Varela, xerente da Ruta do Viño Rías Baixas.
Wine Tourism School (WTS) encárgase de impartir os webinars incluídos neste plan formativo. Trátase de proporcionar pautas concretas de traballo e coñecementos que contribúan á creación, mellora e especialización do produto turístico no escenario actual marcado pola pandemia do coronavirus. Do mesmo xeito, e segundo indican desde Wine Tourism School, búscase achegar os coñecementos necesarios sobre a promoción e comercialización do enoturismo, especialmente no ámbito dixital. Finalmente, ofrecerase unha orientación aos profesionais do sector sobre o uso de ferramentas web e técnicas a empregar na contorna dixital.
A primeira sesión consistía nun webinar sobre a Creación de produtos de turismo enogastronómico para a etapa post COVID-19. Impartiuno Fernando Redondo, socio fundador de WTS e director de AC+Consultores e Auditor de Rutas do Viño de España.
O seguinte seminario web terá lugar o 26 de outubro e versará sobre Enoturismo familiar como oportunidade tras COVID-19. Neste caso, o docente será Manuel Romero, tamén socio fundador de WTS e director de DINAMIZA Asesores, e responsable da Oficina Técnico-Comercial de ACEVIN-Rutas do Viño de España e experto internacional en turismo enogastronómico.
Para a xornada do 2 de novembro resérvase a sesión sobre Promoción e comercialización de turismo enogastronómico tras COVID-19, que coordinará David Mora. Ademais de socio fundador de WTS, é coordinador do Máster de Turismo Gastronómico do Basque Culinary Center.
O cuarto webinar versará sobre Creación de vídeo para empresas de turismo tras COVID-19 e terá lugar o día 9 de novembro. O relator será Adolfo Nuño de la Cruz, licenciado en Xornalismo e Produto Audiovisual, con máis de 20 anos de experiencia nas principais empresas de comunicación do sector televisivo e radiofónico de España.
A última sesión, que se celebrará o 13 de novembro, centrarase no Marketing online e redes sociais para empresas turísticas tras COVID-19. Miguel Loitxate, blogger e experto en comunicación turística, encargarase de achegar as claves para chegar á nova clientela utilizando as ferramentas dixitais.
Ao redor de 50 profesionais do sector enoturístico galego participan nesta iniciativa. Desta cantidade, a metade son empresas asociadas á Ruta do Viño Rías Baixas.
Relacionadas:
-
Boa acollida das Xornadas de Portas Abertas da Ruta do Viño Rías Baixas
Por Redacción |
-
A Xunta mantén as xornadas de portas abertas das rutas dos viños de Galicia adaptando o programa
Por Redacción |
-
Ruta do Viño Rías Baixas fleta 14 autobuses para as súas Xornadas de Portas Abertas
Por Redacción |
-
Rías Baixas cualifica de Moi Boa a anada do 2019
Por Redacción |