Case 10.000 euros destínanse á mellora da sinalización en diversos puntos de Bueu
Por Redacción
Durante estas xornadas se están a acometer varias actuacións en diversos puntos de Bueu para mellorar a sinalización horizontal e vertical coa instalación de espellos en diferentes lugares. Tamén se está pintando e repintando pasos de peóns e vaos coa instalación de novos sinais.
O investimento para estas obras alcanza case os 10.000 euros, segundo informa o goberno local que dirixe Félix Juncal. Iniciáronse no verán e aínda continúan co reforzo de sinais indicativos de acceso aos campos de fútbol, de Laxes, en Beluso e na Graña. Tratábase dunha demanda urxente por parte das entidades deportivas usuarias destes recintos deportivos.
Tamén se ejectua a mellora nos accesos ás praias. Desta forma, en Area de Bon substituirase o sinal, ademais de instalarse un espello e varios indicativos no lugar de Castiñáns, en Cela, onde se rexistraban numerosos problemas coa circulación de vehículos nesa contorna, segundo indican fontes municipais.
Con estas actuacións quérese desde o goberno local garantir a mellora da seguridade e da accesibilidade cidadá tanto a espazos públicos como ás vivendas. Desde o Concello trasladouse ao Xefe da Policía Local o mandato para que elabore un proxecto de mellora integral de sinalización no conxunto de Bueu, con propostas para distintas zonas, coa intención de seguir abordando por fases estes traballos que permitan unha mellor circulación.