Curso de balde na Lama para preparar o exame de obtención do graduado escolar
Por Redacción
Persoas maiores de 18 anos, empadroadas no municipio da Lama e que se viron obrigadas a abandonar o sistema educativo sen posuír o título de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) teñen a oportunidade de preparar o exame para a obtención desta acreditación a través dun curso gratuíto que ofrece o Concello.
O curso iniciarase o 2 de novembro para un máximo de 15 persoas, que serán seleccionadas por rigorosa orde de inscrición a través da presentación dunha instancia nas oficinas do Concello ou a través da sede electrónica.
Os rexistrados recibirán clases presenciais nas instalacións habilitadas no edificio da Escola Taller, na estrada da Fraga. A idea da organización deste curso é facilitar á veciñanza as ferramentas formativas para poder integrarse no mercado laboral nas mellores condicións posibles.
No caso de que os aspirantes teñan dúbidas deberán poñerse en contacto co CIM da Lama ou coas oficinas xerais do Concello. As clases desenvolveranse ata o 30 de decembro e están financiadas pola Deputación de Pontevedra e polo propio Concello.