O comercio local, coas mans atadas diante do seu Halloween máis terrorífico
Por Manu Otero
O 2020 está a ser unha película de terror. Para todos. Pero especialmente nestas datas para unha parte do comercio local. A cancelación da Feira Franca foi un mazazo, pero a imposibilidade de celebrar a festa Halloween con normalidade pode supoñer un golpe irreparable para as tendas especializadas na venda de disfraces e decoración para este tipo de eventos.
Á marxe das restricións sanitarias que impiden celebracións multitudinarias, o ambiente que se respira nestes comercios nada ten que ver co de hai un ano. "Á xente vémola triste", lamenta Loli Novás, de Caramelos Novás, tenda de referencia da capital para as festas temáticas con máis de medio século de historia.
A caída da contratación é o principal indicador de que non existe campaña de Halloween. "Adoitabamos ter catro empregadas, agora estamos só dous. Eu pola mañá e a miña compañeira pola tarde", resume Melissa González, a encargada de Party Festa. A situación é idéntica no outro establecemento da rúa Benito Corbal. "Tiñamos catro empregadas connosco que levaban aquí vinte anos. Non eran fixas pero enlazabamos unha campaña con outra e estaban case todo o ano. Agora non teñen traballo", relata con preocupación Novás.
Os corredores están desertos, os andeis cheos e as colas nas caixas, unha pantasma de tempos pasados. "Temos ofertas de dous por un en disfraces, máis xa non podemos facer", detalla a xerente de Caramelos Novás. En Party Festa tamén tiraron os prezos. "Cestas que antes valían 5 euros están agora a 2. Temos disfraces por 5 e 10 euros", explican en Party Festa. Aínda así os clientes seguen desaparecidos.
"A estas alturas todos os bares deberían estar xa ambientados", compara González coa campaña anterior. Con todo, as restricións de aforo e de horario na hostalería fai inviable calquera tipo de investimento neste ámbito para os empresarios. Tampouco teñen constancia nestas tendas de que vaia a haber celebracións nos colexios. Só nais e pais acoden a contagotas en busca dun disfrace para facer festas en casa cos seus fillos. "Os nenos téñense que divertir", reclama Novás farta da nova normalidade imposta pola pandemia.
Pero a caída do volume de vendas non é único problema que deben afrontar estes establecementos. Os pedidos realízanse dun ano para outro, polo que os almacéns están cheos dunha mercadoría comprada antes da pandemia. "Agora terémonolo que comer", asume González con resgnación. "Nós facemos pedidos máis pequenos agora e algunhas pezas puidemos devolvelas ao provedor", explica Novás.
Só unha peza festiva cotiza á alza neste pavoroso Halloween: a máscara. O seu uso é obrigatorio e as posibilidades de adaptación a calquera disfrace, case infinitas. "É o que máis se está vendendo, con algunhas diademas con formas de coitelo, por exemplo", consólanse en Party Festa.
O protocolo de seguridade tampouco convida a esculcar entre os corredores. "Por seguridade as caretas non se poden tocar e os disfraces non se poden probar", engade Melissa outro ingrediente ao cóctel da crise na que o coronavirus ten sumido ao sector.
"De verdade que imos terminar así?", pregúntase Loli Novás, angustiada polo escuro futuro que se cerne sobre un negocio familiar que leva aberto 58 anos e varias crises superadas. A ponte de Halloween dana por morta, a esperanza está posta agora na campaña de Nadal.