O ORAL terá unha oficina única de atención á cidadanía
Por Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra xa iniciou as obras para que o ORAL, o organismo de xestión tributaria e catastral, poida ter unha oficina única de atención á cidadanía. Estará situada no número 16 da rúa Manuel del Palacio, na cidade do Lérez.
Segundo explicou este venres en rolda de prensa a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva "ata o de agora a cidadanía tiña que desprazarse polas oficinas dependendo do trámite", con este novo local "axilizamos a atención e a xente aforrará tempo".
O local ten unha superficie de 140 metros cadrados e terá, despois dun estudo para adaptalo á situación actual, sete postos de atención ao público e ferramentas para que os contribuíntes poidan facer os trámites por se mesmos.
A este fin a administración provincial dedica unha partida de 140.000 euros. O ORAL contará con "un local diáfano e do século XXI", dixo a presidenta.
XUNTA DE GOBERNO
A Xunta de Goberno provincial na súa reunión deste venres aprobou 454.000 euros do Plan Concellos para os municipios da Estrada, Gondomar, Ponte Caldelas, Vilaboa e Caldas de Reis. Destinaranse a investimentos como roteiros de sendeirismo, pavimentacións e asfaltados, mobilidade peonil e arranxos en instalacións deportivas, entre outras.
Ademais aprobouse un contrato ponte, por algo máis de 234.000 euros, para garantir que se manteña a administración electrónica en 54 concellos da provincia, 6 entidades locais menores e 4 mancomunidades, ata que se aprobe un novo convenio unha vez rematado o que estaba vixente durante os últimos 4 anos. O novo convenio terá un orzamento de 588.500 euros e poderanse adherir Ribadumia, Vilanova de Arousa e Nigrán.
IGUALDADE
Carmela Silva tamén informou das axudas aprobadas para as entidades sociais para fomentar a igualdade e loitar contra as violencias machistas. Un total de 26 entidades desenvolverán actividades de "atención integral, empregabilidade, empoderamento, etc." cunha achega total de 108.000 euros.
E este sábado é o Día Internacional contra o Cambio Climático e con tal motivo a Deputación de Pontevedra convocou un concurso dirixido á mocidade con 2.000 euros en premios para os mellores traballos audiovisuais centrados nesta loita.
Ademais, no mes de novembro a Deputación pon en marcha un programa divulgativo en centros escolares coa Federación Galega de Medio Ambiente, un colectivo sen ánimo de lucro integrado por 30 asociacións que traballa para contribuír a un desenvolvemento sostible. Tamén impulsará outro programa sobre bosques coa Asociación Forestal Galega (Asefoga) e dedicará 76.000 euros á organización de talleres didácticos, campañas informativas ou unha exposición, entre outras iniciativas.