Mercedes Milá visita Hifas da Terra para gravar un programa para Movistar Plus
Por Alejandro Espiño
Ata Bora desprazouse a popular xornalista Mercedes Milá esta semana.
Fíxoo para visitar a empresa pontevedresa Hifas da Terra e gravar nas súas instalacións un programa para Movistar Plus que se emitirá nos próximos meses.
Esta compañía, especializada na aplicación da micoloxía á saúde, aparecerá nun dos programas da nova tempada de "Scott e Milá", que a xornalista presenta acompañada do seu inseparable can Scott.
De feito, entre gravación e gravación, Mercedes Milá non se separou do seu compañeiro e fixo gala dunha gran proximidade con todos os traballadores de Hifas da Terra.
En "Scott e Milá", a xornalista catalá viaxa por España e parte do estranxeiro para atopar historias que, partindo da experiencia vital de cada un, nos conectan a todos.
O renacer e a procura do propósito vital, a natureza do amor animal, a identidade, a ecoconciencia, as relacións entre os seres queridos, a sexualidade, a fama ou a depresión son algúns dos temas que abordou o programa en tempadas anteriores.