Carmela Silva critica a "teoría da conspiración" de Alfonso Rueda
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva contestou á "ridícula" carta que lle remitiu o vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, na que solicitaba un cambio de datas na convocatoria da institución provincial para celebrar a Mesa do Camiño.
"Se realmente o vicepresidente da Xunta fose unha persoa seria, con menos testosterona da que ten, pois con chamar estaba todo arranxado" e segundo dixo Carmela Silva "non habería ningún problema de cambiar a convocatoria".
Nesta ocasión a Deputación manterá a próxima convocatoria da Mesa do Camiño aínda que nas seguintes reunións non volverá coincidir coa celebración do Consello de la Xunta.
Carmela Silva explicou en rolda de prensa que a Deputación de Pontevedra convocou o pasado 14 de outubro a reunión da Mesa do Camiño para o vindeiro xoves "tendo en conta a axenda da presidenta da Deputación porque é unha mesa provincial non é autonómica".
Este xoves a Deputación recibiu a carta de Alfonso Rueda na que trasladaba á presidenta provincial o seu interese en participar na Mesa tendo en conta a importancia do Turismo e do Camiño, máis ás portas do Xacobeo 2021. Na misiva tamén lle lembraba que a convocatoria volve realizarse coincidindo cun Consello de la Xunta, a pesar de que xa se advertiu desta situación anteriormente, o que impediría a asistencia do propio Rueda polo que pedía o seu traslado e propoñía outras datas alternativas.
A presidenta criticou esta "teoría da conspiración" valorándoa como "infantil" e advertindo ao vicepresidente primeiro da Xunta que "vostede fai o ridículo con esta carta".
"Tanto no contido como nas formas é realmente triste" lamentou Carmela Silva que tamén reprochou a filtración deste documento aos medios de comunicación e que en dez días non se chamase por teléfono á Deputación para cambiar esa data da convocatoria.
Ademais Silva asegura que "na carta mente" cando di que na anterior reunión xa se fixo coincidir coa celebración do Consello da Xunta xa que, como lembrou, tivo lugar un mércores e asistiu o anterior conselleiro de Turismo, Román Rodríguez, e quen se ausentou foi a propia Carmela Silva polo falecemento da súa nai.
Para Carmela Silva "o señor Rueda só sente cómodo na confrontación, particularmente, coa presidenta da Deputación, encántalle".
E engadiu a mandataria provincial que "hai señores que teñen tan integrados os postulados patriarcais de testosterona e androcéntricos que cren que o mundo xira ao redor deles e que cando a xente toma decisións as toma pensando neles" neste sentido, Carmela Silva asegura que cando se convocou a Mesa do Camiño "non pensei en nada en vostede, porque vostede non é tan importante".
Outra explicación que atopa Carmela Silva é que o número dous do Goberno galego "é tan soberbio que cre que nada pode saír ben se non está el presente" e subliñou que a Mesa do Camiño leva moito tempo traballando coa Xunta con Nava Castro "e sempre foi todo moi ben" e destaca que a directora xeral de Turismo é "unha dignísima representante da Xunta".
Ademais Carmela Silva compartiu a súa "preocupación" cando Alfonso Rueda asumiu a Consellería de Turismo "eu prefería a Román que ten outra forma de facer as cousas de relacionarse, é máis respectuoso, ten menos testosterona, crese menos importante".