A pandemia da Covid-19 adianta a venda de flores da campaña de Difuntos
Por Manu Otero & Mónica Patxot
O 1 de novembro é o día de acudir aos cemiterios para lembrar aos seres queridos que xa non están. Pero o coronavirus tamén se meteu con esta tradición. Todo o mundo sabe que hai que evitar as aglomeracións, polo que as visitas aos camposantos para arrombar os panteóns xa comezaron. As primeiras en constatalo foron as florerías que desde esta semana, máis de sete días antes da data, xa comezaron a recibir pedidos. "A campaña xa está en marcha, temos moitos encargos para este sábado e domingo", explica Juan Martínez, copropietario dunha das florerías con maior historia de Pontevedra situada agora na praza da Peregrina.
"Por como está a situación, a xente este ano empezou a facer os pedidos e a comprar as flores antes. Teñen medo a que nos volvan a confinar", engade a propietaria de Floristería Laura, no Mercado de Abastos, outra das razóns que anticiparon este ano a campaña de Defuntos.
A diferenza doutros sectores, a crise sanitaria non lles está a derivar nunha crise económica. "É tradición visitar aos nosos seres queridos nestas datas e a xente vaino seguir facendo igual, o único que cambia é que están a vir antes, dunha forma máis espaciada, para evitar aglomeracións", sinala Martínez, que a partir do luns abrirá a tenda que rexenta con Ángeles Couto, en horario ininterrompido de mañá e tarde.
Outro temor que espantan os floristas é o de que as flores non aguanten en perfecto estado unha semana. "Garantimos que as flores aguantan polo menos 15 días en perfecto estado. Os nosos clientes coñécennos e saben que non os imos a enganar", remarcan desde a Floristería Peregrina na que o ritmo de traballo é frenético na preparación de centros.
O único medo que reina na sección de florería do Mercado de Abastos é o do abastecemento. "Pola pandemia, a produción de algun flor que vén de Ecuador e outros países de Sudamérica reduciuse e hai certa escaseza", confesa Laura Riveiro. Aínda que o ritmo de vendas por agora vai ben, tamén ela está preocupada por un posible confinamento dado o aumento de casos activos de covid-19 nos últimos días. "Se se me acaba a mercadoría a próxima semana, pensareime ben se fago outro pedido", recoñece con certa angusta ao pensar en non poder dar saída a todas as flores pola incerteza que xeran os constantes cambios nas normativas anticovid.
En cambio, na florería da Peregrina non tiveron ningún problema cos encargos. "Chéganos flor de Sudamérica e de Sudáfrica sen ningún problema", apunta Juan, quen xa pechou pedidos durante o estado de alarma. "En maio, cando aínda emepezábamos a saír á rúa, xa tivemos que decidir se apostabamos ou non pola campaña de Defuntos". Fixérono e, aínda que a situación empeorou de forma notable nas últimas semanas, os resultados din que non se equivocaron. Unha pandemia non fará que Pontevedra esqueza aos que se foron.
MERCADO DE FLORES
Como todos os anos, o Concello instalará na Praza da Ferrería o tradicional mercadillo de flores os días 31 e 1 de outubro. Pero tamén pola situación sanitaria, o número de postos tivo que reducirse dos 42 postos habituais a só 33 para cumprir coas medidas de seguridade ditadas polo Goberno.
Ademais, as visitas aos cemiterios tamén estarán reguladas. No caso do cemiterio de San Mauro, o máis grande do municipio pontevedrés, a estancia non poderá superar os trinta minutos e as billas de auga estarán inactivas para reducir ao máximo os posibles focos de contaxio. O Concello recomenda ademais estender estas visitas ao longo de todo o mes e non concentralas no día de Todos os Santos.
Relacionadas:
-
"Desastroso" mercado de flores na Ferrería: tres vendedores fallan e o resto quéixanse das baixas vendas
Por Cristina Saiz & Natalia Puga |
-
Dispositivo especial de tráfico nos accesos aos cemiterios desde o venres ata o domingo
Por Redacción |
-
Normas para visitar os cemiterios nestes días de pandemia
Por Oskar Viéitez |
-
Como nos organizamos para ir ao cemiterio de San Amaro o Día de Defuntos?
Por Oskar Viéitez |