838 profesionais de 17 centros residenciais da Área Sanitaria xa fixeron os cribados con mostras de saliva
Por Redacción
O Sergas informa este venres que un total de 838 profesionais dos 17 centros sociosanitarios residenciais da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés participaron dende o pasado luns polo primeiro cribado empregando mostras de saliva para a detección de casos da covid-19.
Esta técnica posibilita que os participantes recollan a súa propia mostra e facilita que o cribado se repita cada 14 días.
A técnica de recollida de mostra é moi sinxela. O traballador recolle 1 mililitro de saliva nun tubo, estando en xaxún sen ter tomado auga e sen ter lavados os dentes. As mostras recollidas entréganse en dependencias asistenciais da Área Sanitaria, desde onde son remitidas ao Laboratorio de Microbioloxía do Hospital Universitario Álvaro Cunqueiro de Vigo. A análise das mostras lévase a cabo mediante a técnica de RT-PCR a través do sistema de procedemento agrupado -denominado pooling- que permite procesar varias mostras nunha única análise.
En canto ás persoas residentes, dada a posible dificultade na recollida de mostra de saliva, realizaráse unha mostraxe aleatoria cada 14 días coa técnica PCR convencional de exudado naso-farínxeo. O tamaño da mostra seleccionada en cada centro sociosanitario residencial dependerá da situación epidemiolóxica da Área Sanitaria, avaliada a través de diferentes parámetros, tales como a incidencia de infección por covid-19.
As persoas que viven nunha residencia de maiores ou de discapacidade na Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés atópanse nunha situación de vulnerabilidade ante a infección pola COVID-19 por motivos diversos coma a súa idade avanzada, ou polas súas patoloxías de base ou comorbilidades, por ter contacto estreito con outras persoas e por pasar tempo prolongado en contornas pechadas e con poboación igualmente vulnerable.
Ademais, trátase de colectivos nos que a sintomatoloxía da enfermidade pode quedar enmascarada.
Na Área sanitaria de Pontevedra e O Salnés véñense realizando cribados periódicos coa técnica de PCR convencional desde o inicio da pandemia, tanto a residentes como a profesionais, o que supuxo a realización de mais de 7.000 PCR. Cómpre salientar que a través deste método detectáronse 4 residentes positivos -3 deles asintomáticos- que xa recibiron a alta epidemiolóxica. A estas probas PCR hai que engadir as que se realizan tanto pola incorporación de novos residentes ou traballadores como por control de contactos estreitos.
Relacionadas:
-
Na procura de asintomáticos en institutos de Pontevedra, Poio, Marín, Sanxenxo, Cambados e O Grove
Por Natalia Puga |
-
Ciencias da Educación e do Deporte e un curso de Publicidade pasan á docencia virtual tras a detección de positivos
Por Redacción |
-
15 casos positivos máis no municipio de Pontevedra e 4 máis en Poio nas últimas 24 horas
Por Redacción |