Juan Castiñeira bate o seu propio récord cun fungo de 15 quilos: "nesta ocasión vai ser para a xente necesitada"
Por María José Pita
O presidente da asociación micolóxica de Pontevedra O'Bioco, Juan Castiñeira, e tamén propietario do restaurante vinoteca do mesmo nome, séguenos sorprendendo ano a ano cos seus achados.
Se o ano pasado informabamos do descubrimento dun cogomelo de 10 quilos de peso (que superaba en dous ao fungo de 8 quilos que colleitaba en 2018), agora a noticia está nun impoñente fungo duns 15 quilos de peso, que se corresponde cun exemplar de grifola frondosa. Segundo nos explica o propio Castiñeira "é un achádego bastante interesante porque non é moi frecuente na nosa Comunidade precisamente pola dispersión do hábitat. É un fungo que nace, crece ou vive a expensas de caducifolios, estamos falando dun castiñeiro de máis de douscentos anos de vello"
A excepcionalidade deste encontro leva ao micólogo a manter en segredo a zona na que foi recollido. Tan só apunta a que se trata dun lugar da provincia de Pontevedra. "Foi moi curioso porque atopámolo nun sitio onde levo buscando fungos uns 25 anos e nunca o atopara. Igual este ano déronse as condicións idóneas e que fumos a ese sitio en especial e atopámolo". Estas precaucións débense a que, por desgraza, en Galicia aínda non hai unha cultura de respecto do monte, en especial cos fungos, por iso é polo que Castiñeira, tras 40 anos dedicado á micoloxía, se lamente de que non é raro que "este tipo de fungos que están aos pés ou a certa altura nas árbores aparezan ciscados, pisoteados... incluso polos nenos".
Tanto polo seu tamaño como pola forma na que crece na base das árbores, a súa extracción requeriu dun coidado especial. "Como están pegados ás árbores, normalmente cunha lixeira presión xa soen romper e logo axudámonos co coitelo e con moita suavidade, igual que cando imos a unha maceira e collemos unha mazá, agarramos a rama e separamos a mazá despacio", apunta Castiñeira.
Outro aspecto que destaca no grifola frondosa é o seu carácter medicinal. "Este fungo é unha seta adorada polos xaponeses e tamén en China, está dentro da triloxía das setas da eterna xuventude, como lle chaman eles", comenta Castiñeira. Esta terna estaría formada polos populares fungos shiitake, reishi e maitake, quizá o menos coñecido pero o de propiedades superiores, e que é o que precisamente recolleu o micólogo.
Á hora de cociñalo, recoméndase usalo cando aínda está novo e, aínda que non ten un sabor moi definido, é moi agradable ao padal polo seu gusto suave. "Agora vou a preparala e voulle poñer un pouco de aceite de oliva virxen extra, unhas láminas de allo, facela a moi pouca temperatura e despois poreille un pouquiño de viño ou de xerez ou coñac, tapareina, botareille un pouco de pementa e xa está".
Castiñeira proba todos os fungos que colleita e ensaia receitas con eles para ofrecerllas aos seus clientes en O´Bioco. Pero nesta ocasión, o grifola frondosa non estará na carta. O hostaleiro non dubida en afirmar que "este fungo vai ir para a xente que o está pasando mal", xa que estudos en Xapón demostraron o seu efecto beneficioso para contrarrestar os efectos secundarios da quimioterapia. "Temos unha serie de amigos e amigas que están con cáncer e vou tratar de darlles para que se alimenten con el, porque ten propiedades para que o sistema inmunolóxico se afiance". Como remate, confésanos coa voz baixa que cada vez que el ou os seus compañeiros micólogos atopan un fungo con propiedades medicinais cédeno a persoas con problemas de saúde para poder axudarlles na medida do posible a aliviar as súas doenzas.
Relacionadas:
-
Atopan un valioso cogomelo 'reishi' de 8 quilos na Caeira
Por Redacción |
-
Unha parella madrileña atopa unha perla nunha ostra no Bioco
Por Cristina Saiz & María José Pita |
-
Crean no Bioco un xeado con cogomelos e flores de primavera
Por Manu Otero & Cristina Saiz |
-
Recollen en Xeve un cogomelo comestible de dez quilos
Por Redacción |
-
Achan un fungo xigante de máis de oito quilos en Bora
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |