Inician os traballos para habilitar unha nova praza pública no lugar do Ramallás, en Lérez
Por Redacción
O Concello de Pontevedra, a través da concellería de Rural, comezou a executar nos últimos días a creación dunha nova praza pública na parroquia de Lérez.
En concreto a actuación leva a cabo no lugar do Ramallás, coa intención de crear unha zona de convivencia veciñal próxima ao centro de saúde.
A obra ten lugar nunha parcela que foi expropiada polo Concello no ano 2018 por valor de 15.000 euros para ampliar o vial. Trátase dunha actuación integral formada pola expropiación previa, a instalación do saneamento e pavimentación de todo o lugar e o acondicionamento do parque, cun investimento global que supera os 168.000 euros.
Na súa primeira fase ampliouse a estrada habilitando beiravía por un dos lados e creando unha vía de dobre dirección.
En canto á praza, construído o muro de contención e explanado o terreo, está previsto dotala de lastra, catro puntos de luz Led e mobiliario urbano, e finalizarase coa plantación dun castiñeiro de indias, unha magnolia e dun Cercis Siliquastrum (coñecido como árbore do amor).
A segunda fase da intervención conta cun orzamento de 48.378,03 euros e está previsto que finalice antes de final de ano.