A rehabilitación do antigo centro médico de Carballedo para vivendas sociais comezará este ano
Por Redacción
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, anunciou que as obras de rehabilitación do antigo centro médico de Carballedo para a súa conversión en vivendas sociais comezarán antes de que remate o presente ano, xa que o goberno local e os servizos técnicos municipais conseguiron axilizar o proceso de contratación e xa hai unha proposta de adxudicación, de entre as sete ofertas presentadas, para a empresa lalinense Taboada y Ramos
Así, co procedemento administrativo practicamente rematado, xa que só resta a confirmación administrativa e a formalización do papeleo antes de proceder á sinatura da acta de replanteo, a actuación, deseñada por Manuel Antonio Silvares, está completamente encauzada e o inicio dos traballos posiblemente se produza no vindeiro mes de novembro.
Segundo explicou o rexedor, o obxectivo pasa por ter a obra rematada ás portas do vindeiro outono, xa que o prazo de execución está fixado en nove meses, para poder poñer estas casas no mercado baixo o formato de alugueiro social a comezos do ano 2022 e favorecer deste xeito o asentamento e fixación poboacional e o acceso á vivenda de colectivos vulnerables. A iniciativa permitirá crear catro vivendas neste histórico inmoble, que data de 1920 e foi unha escola antes de ter uso sanitario, grazas a un investimento global de 423.000 euros.
O proxecto, que dispón de permiso de Patrimonio, conta cunha subvención de 192.000 euros por parte do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) ao abeiro da liña de axudas do programa de rehabilitación de edificios de titularidade municipal da Xunta e cunha partida de 231.000 euros financiada co Plan Concellos.
O edificio é de planta baixa con baixo cuberta, estrutura de catro augas e forma rectangular con acabados de pedra e enfoscado branco que se atopa nunha parcela pechada e dispón de accesos polas dúas fachadas, as escaleiras e un porche cuberto. No mesmo procederase inicialmente á demolición dos elementos deteriorados e partes alleas á finalidade de proxecto, o reforzo da estrutura, a retirada de materiais e unha limpeza xeralizada co propósito de favorecer a nova distribución para o seu uso residencial.
Posteriormente, emprenderanse os traballos de tabicaría, creación de accesos individuais ás catro vivendas, instalación de carpintaría exterior e interior, dotación de servizos e sistemas de calefacción, falsos teitos, renovación da cuberta, chimeneas de ventilación, renovación de solos e alicatados, subministro de loza sanitaria e instalación de antena de televisión, así como da limpeza das fachadas, acondicionamento dos muros e da xardinaría da parcela e emprazamento de luminarias exteriores.
Relacionadas:
-
Publicadas as bases que regularán a adxudicación das vivendas sociais de Carballedo
Por Redacción |
-
Carballedo busca inquilinos para as catro vivendas dispoñibles para aluguer social
Por Redacción |
-
A conversión do antigo centro médico de Carballedo en catro casas de protección oficial xa é unha realidade
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade quere converter o antigo cuartel de San Xurxo en vivendas sociais
Por Redacción |
-
A rehabilitación das oito vivendas dos mestres de Cerdedo estará rematada no verán de 2021
Por Redacción |
-
Las obras del antiguo centro médico de Carballedo, en proceso de contratación
Por Redacción |