As chuvias nas Rías Baixas irán desaparecendo co avance da semana
Por Redacción
As Rías Baixas mantéñense durante este luns da última semana de outubro nun réxime de ventos de compoñente oeste que traerán moita humidade, segundo a información facilitada polo servizo de Meteogalicia. Os ceos permanecerán nubrados, con chuvascos máis frecuentes durante a primeira metade do día. As temperaturas mínimas estableceranse en 7 graos mentres que as máximas sitúanse nos 15.
Durante o martes, Galicia manterase baixo a influencia das baixas presións, coa chegada dunha fronte fría durante a xornada. os ceos permanecerán cubertos, con choivas que comezarán pola mañá na metade oeste e que a partir do mediodía afectarán a toda a comunidade. As temperaturas ascenderán de maneira moderada para situarse entre os 12 e os 18 graos. Os ventos soprarán fortes do suroeste.
Xa durante o mércores van detectarse cambios, grazas á influencia anticiclónica. Os ceos aparecerán máis nubrados durante a mañá, sen que se descarte algunha choiva moi débil e ocasional, máis probable no litoral atlántico e os ceos iranse abrindo a medida que avance a tarde. As temperaturas experimentarán lixeiros ascensos para alcanzar máximas de 19 graos. Os ventos soprarán do suroeste, moderados na costa e máis frouxos no interior.
O xoves 29 manterase a influencia das altas presións, con ventos de compoñente sur. Espéranse bancos de néboa matinal que darán paso a ceos pouco nubrados ou despexados, con intervalos de nubes baixas na franxa atlántica. As temperaturas mínimas sufrirán un lixeiro descenso mentres que as máximas ascenderán lixeiramente oscilando entre os 10 e os 20 graos. O vento soprará frouxo de compoñente sur.
A influencia anticiclónica sobre Galicia manterase de cara á fin de semana. A probabilidade de choivas irá baixando paulatinamente e as temperaturas experimentarán un progresivo ascenso, axudadas polos ventos do sur.