Pais e nais da Lama esixirán na rúa que volva o pediatra ao centro de saúde
Por Redacción
Máis de 250 sinaturas apoian a petición para que o Servizo Galego de Saúde repoña canto antes o servizo de Pediatría que se prestaba no centro de saúde da Lama.
Esta esixencia, que xa foi transmitida en varias ocasións ás autoridades sanitarias, será a principal reclamación da concentración que convocou a ANPA do CEIP da Lama para este mércores 28 de outubro, entre as 09.30 e as 11.00 horas, na Alameda.
No transcurso da concentración, onde os asistentes deberán ir provistos de máscara e gardar o obrigado distanciamento social, vaise a ler un manifesto reivindicativo dos dereitos da infancia nos municipios rurais como o da Lama.
Os pais e nais deste colexio aseguran que en medio do repunte da pandemia os nenos da Lama están desasistidos e obrigados a desprazarse a outras poboacións para ser atendidos.
Consideran que precisamente nestes momentos nos que máis falta fai que a poboación infantil estea protexida e asistida por médicos especialistas, Sanidade retira un servizo de tanta importancia nun entorno rural onde de por si hai problemas para manter a poboación.
Responsables da ANPA consideran un "auténtico atentado" contra os dereitos dos nenos e nenas do rural que se lles quite o único médico pediatra que tiñan e que, recordan, viña tan só unhas horas á semana.
"Estamos sufrindo un grave agravio comparativo e unha inxustiza que non estamos dispostos a consentir", advirten desde asociación.
A ANPA considera que se está tratando dun xeito "discriminatorio" aos nenos da Lama porque "xa bastantes dificultades teñen de acceso a unha serie de servizos dos que dispoñen sen problema os que residen en zonas urbanas e agora tamén se ven privados dos sanitarios".
Relacionadas:
-
A Lama esixe un pediatra: "Feijóo, igual que ti queres o mellor para o teu fillo, nós tamén o queremos para os nosos"
Por Redacción |
-
As familias da Lama recollen 250 sinaturas para demandar a Sanidade que repoña o pediatra
Por Redacción |
-
Instan o Sergas a cubrir as baixas de persoal facultativo no centro de saúde da Lama
Por Redacción |