A Audiencia Nacional dá a razón á prisión da Lama ao bloquear o Teletexto para que os internos non se comuniquen co exterior
Por Natalia Puga
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Unha resolución da Audiencia Nacional sacou á luz unha práctica que se rexistra centros penitenciarios de toda España desde hai anos e que ata o de agora non se coñecía máis aló de ámbitos penais. Os internos utilizaban as mensaxes de Teletexto para comunicarse con persoas do exterior.
Tras detectar esta forma de actuar, as direccións dos centros, entre eles o da Lama, xa optaran por bloquear o Teletexto en todas as televisións do centro e agora a dirección da Lama acaba de recibir o respaldo da Audiencia Nacional. A sección 1 da Sala do Penal ditou un auto no que confirma a procedencia desta decisión.
O auto, adiantado por Alfredo López Penide en La Voz de Galicia e ao que tivo acceso PontevedraViva, dítase por mor da queixa dun interno da Lama ao que entre o 17 e o 20 de xaneiro deste ano 2020 lle retiveron o televisor e, ao devolverllo, comprobou que a función de Teletexto e o menú estaban bloqueados.
Ao xulgado chegou un informe realizado pola directora do centro o 11 de febreiro no que explica que o bloqueo da función de Teletexto obedece a motivos de seguridade, pois se detectou a nivel xeral ese uso das mensaxes de Teletexto para comunicarse co exterior. En concreto, indicaba que se comunicaban a través de páxinas abertas de citas, contactos ou anuncios, utilizando pseudónimos, palabras-crave, páxinas e horas concretas.
Segundo ese informe, os televisores adquiridos no economato da prisión xa teñen restrinxida as funcións de interactividade e conectividade, pero detectouse que xurdía un problema cos aparellos adquiridos no exterior, que tiveron que ser adaptados. É o caso do interno en cuestión ao que se retivo o televisor antes de que o usase para bloquear esa función.
En base a ese informe, a Audiencia Nacional conclúe que "se considera xustificado" o bloqueo da función de Teletexto ante o "risco de que as mensaxes enviadas a través do mesmo poidan constituír un medio de comunicación para o interno que eluda o control e as disposicións legais sobre as comunicacións dos internos", converténdose así nun "risco para a seguridade do centro e dos seus habitantes e para os fins do tratamento penitenciario".
A pesar de dar a razón á prisión no bloqueo do Teletexto, a Audiencia Nacional estimou parcialmente o recurso do interno. Esta persoa queixábase de que se lle bloqueou tamén o menú do televisor e a maxistrada que revisou o recurso, Adoración María Riera Ocariz, cre que esta medida "xa non se xustifica por motivos de seguridade" desde o momento en que o interno pode posuír e utilizar dun aparello de televisión.
Así, a maxistrada matiza que se funcións básicas do televisor como a selección de canles ou os axustes necesarios de imaxe e son están bloqueadas, o aparello carece de utilidade.
O auto obriga á prisión para restaurar as funcións básicas do menú relativas á selección de canles, e axustes de imaxe e son.
O preso afectado recorreu perante o xulgado Central de Menores en funcións de Vixilancia Penal, que en febreiro desestimou o seu recurso, de modo que decidiu recorrer á Audiencia Nacional para que o seu televisor deixase de ter estas limitacións.