Comisións Obreiras ameaza con levar o programa Tropos aos tribunais se non hai negociación
Por Manu Otero
Os responsables provinciais do sindicato Comisións Obreiras, José Ramón Piñeiro e José Luis García Pedrosa, compareceron este martes para denunciar que o programa Tropos, presentado polo vicepresidente da Deputación como unha ferramenta para modernizar os procesos de selección de persoal na provincia, "non é conforme a dereito".
Censuran que o documento fose presentado sen pasar pola mesa de negociación na que están representados os traballadores e que a selección de dous técnicos interinos vaia a realizarse de acordo aos criterios recollidos neste programa deseñado polo vicepresidente César Mosquera e que, segundo CC. OO, non se rexe pola Lei de Emprego Público de Galicia.
Desde a agrupación están seguros de que se trata dunha estratexia do executivo provincial é dar traballo a "persoas afíns" e adxudicar postos de "xefe de servizo a comisarios políticos".
Despois de alertar de que nas bases do documento non quedan claras as competencias destes dous novos técnicos, o sindicato alertou de que estes traballadores estarán capacitados para deseñar os programas de contratación e "influír nos tribunais". "Como sindicatos non imos ser cómplices", critican.
Por todo iso, instan o goberno a reunir a mesa de negociación para analizar en conxunto o novo programa e propoñer as modificacións necesarias para axustalo á normativa vixente. Con todo, no sindicato non teñen grandes esperanzas en que o goberno provincial acceda a esta petición polo que aseguran que levarán o programa Tropos aos tribunais se o procedemento continúa adiante.
Relacionadas:
-
Esixen a Font que se desculpe co representante de CC.OO. na Deputación ou que "faga públicos os listados dos que fala"
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación abre o proceso de selección do persoal que redactará o programa Tropos
Por Redacción |
-
Mosquera fai un chamamento á "xente moi valiosa" para que se presente a dúas prazas de funcionario da Deputación
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación lanza un proxecto para modernizar os procesos de selección de persoal
Por Redacción |
-
A Deputación pretende modificar as oposicións para premiar as competencias e non a memorización
Por Oskar Viéitez |