O ORAL amplía os servizos e axudará aos concellos a redactar ordenanzas fiscais
Por Redacción
O Organismo de Xestión e Recadación Local (ORAL) da Deputación de Pontevedra reforzará os seus servizos aos concellos e achegaralles modelos normalizados de ordenanzas-tipo para os impostos e taxas municipais.
Ata o de agora este organismo ofertaba os servizos de recadación e xestión e desta maneira incorpora un novo aspecto de asesoramento nun momento en que existe debate sobre os tipos aplicables e a súa gradación nas taxas, así como os tipos e as bonificacións fiscais no caso dos impostos municipais.
As ordenanzas-tipo abranguerán os impostos de bens inmobles (IBI), construcións e instalacións (ICIO), vehículos (IVTM) e actividades económicas (IAE), ademais das taxas de auga, saneamento, sumidoiros, recollida e tratamento de lixo. Os concellos conservan toda a súa potestade para adaptar tipos, gradacións e bonificacións ás súas necesidades e obxectivos con plena seguridade xurídica.
O deputado delegado de Réxime Interior e Facenda, Carlos López Font, presidiu este martes unha Xornada sobre Planificación Tributaria para o ano 2021 na que participaron telematicamente 37 municipios e puideron coñecer da man dos técnicos provinciais tódalas novidades nos servizos que o ORAL ofrece de cara ao próximo ano. En total, 53 concellos da provincia teñen delegada a xestión e/ou a recadación dos seus impostos e taxas e a recadación das multas.
Carlos López Font explicou que a vontade da Deputación é manter "unha canle fluída" de comunicación cos concellos e alcanzar unha "transparencia máxima na xestión e recadación tributaria". Así, dará un paso máis na rendición de contas e dará acceso ao seu programa de xestión e, a través dos ficheiros informáticos de vida de tódalas débedas, permitirá que os concellos poidan revisar online tódolos trámites feitos con cada contribuínte ata que "morra" a débeda ou se declare "fallida", ou sexa, imposible de cobrar.
A transparencia exercerase no dobre circuíto da recadación ou da xestión e a recadación, en función das competencias que cada concello teña delegadas. A maiores, o ORAL anunciou a aprobación dunha nova Carta de Servizos da Recadación Executiva (vía de apremio) que oferta aos concellos, aclarando así tódalas actuacións que se realizan neste tipo de procedemento e o xeito en que se levan a cabo.
A Deputación tamén anunciou a modificación da Ordenanza Fiscal de Xestión e Recadación do ORAL para a súa simplificación e proporcionar, deste xeito, unha información máis clara ás persoas contribuíntes sobre os seus dereitos e obrigas. Ademais, esta ordenanza, que é a establece todo o procedemento recadatorio que leva a cabo o ORAL, introduce a necesaria adaptación á Administración Electrónica e aos cambios normativos e de xénero.
Relacionadas:
-
O ORAL estrea novo local en Pontevedra onde poden realizarse tódolos trámites
Por Redacción |
-
O PP pide máis facilidades para que as persoas maiores poidan pedir cita previa no ORAL da Deputación
Por Redacción | Creada e actualizada
-
O ORAL terá unha oficina única de atención á cidadanía
Por Oskar Viéitez |
-
O ORAL recadou preto de 123 millóns de euros no 2019
Por Oskar Viéitez |