O Pazo de Liñares será a "referencia" para o xacemento de Castrolandín
Por Redacción
Tres xacementos castrexos da provincia, os de Bendoiro (Lalín), Montaz (Silleda) e Castrolandín (Cuntis), terán como referencia o centro de xestión do coñecemento arqueolóxico do Pazo de Liñares, situado na capital do Deza. Así se recolle no convenio asinado pola Deputación de Pontevedra e o Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC).
O proxecto, que estará liderado polo CSIC a través do Instituto de Ciencias do Patrimonio, permitirá afondar na cultura castrexa da provincia de Pontevedra, concentrando a investigación nas contornas e o interior destes tres castros.
O Pazo de Liñares será unha "referencia" na investigación da época castrexa, destacou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, que sinalou que a posta en valor do patrimonio ligado á arqueoloxía é un "eixo prioritario" para o seu goberno.
O convenio co CSIC, a través do cal a Deputación vai achegar 55.000 euros, vaise centrar na prospección e escavacións de sondaxes en Bendoiro, Castrolandín e Montaz, realizando un estudo arqueometalúrxico de materiais recuperados, elaborando un plan director e impulsando actividades científicas, formativas e divulgativas.
Xunto a esta actuación, o convenio inclúe unha caracterización detallada da morfoloxía dos tres castros e da súa contorna, unha prospección superficial e xeofísica do interior e contorna dos lugares ou a documentación e produción de modelos 3D dos xacementos.
"O noso patrimonio ten que ser conservado porque forma parte do que somos, do que fomos e do que queremos ser e porque tamén ten un enorme valor para o turismo sostible", engadiu Silva, que recordou que o "novo turismo" demanda este tipo de oferta "diferenciada".
A vicepresidenta de Relacións Institucionais do CSIC, Rosina López, destacou a suma de esforzos institucionais que está a permitir que en seis meses avanzárase moito en diferentes campos, desde a biodiversidade ata a protección dos bens arqueolóxicos da provincia.
Na sinatura do convenio participou tamén, entre outros, o alcalde de Cuntis, Manuel Campos, que incidiu na importancia que ten a arqueoloxía dende o punto de vista turístico, especialmente para os municipios do interior da provincia de Pontevedra.
Relacionadas:
-
Os traballos no xacemento de Castrolandín comezarán a próxima semana
Por Redacción |
-
Luz verde á musealización dos castros da Subidá, en Marín; e Alobre, en Vilagarcía
Por Redacción |
-
Cuntis xa coñece o proxecto do edificio municipal que albergará o Centro de Interpretación Arqueolóxica
Por Redacción |
-
Cuntis incrementa as tarefas de mantemento do xacemento de Castrolandín
Por Redacción |