O PP critica a "inacción" da Deputación na segunda onda da pandemia
Por Oskar Viéitez
O grupo provincial do Partido Popular critica que a Deputación de Pontevedra está "totalmente desaparecida" nesta xa segunda onda da pandemia sanitaria e social, "unha inacción totalmente inxustificada e que non se entende", xa que ao seu parecer "a Deputación debería ser quen liderase a recuperación da provincia".
Así o sinala o voceiro do PP, Jorge Cubela, que bota en falta algún tipo de acción ou iniciativa por parte do Goberno PSOE-BNG. "Están desaparecidos, sen aportar nin unha soa proposta ou medida de colaboración cos concellos. A crise non rematou en maio", destaca.
Por iso considera que é momento de reactivar a comisión da covid de cara a facer novos e necesarios plantexamentos para o ano 2021.
Cubela recolle así a queixa de alcaldes e voceiros da provincia, que reclaman á Deputación que aposte por cubrir as necesidades que están tendo os concellos e a cidadanía. "É momento de que a Deputación recupere a súa capacidade de xestión, que adapte os investimentos ás necesidades reais. Hai que reforzar o apoio aos concellos para que dispoñan de fondos económicos cos que facer fronte á crise sanitaria e social".
Por iso, considera que "é unha lástima que a pesar de ter recursos e mentres os alcaldes están solicitando axuda, a colaboración da Deputación non chega".
Nesta liña, pregunta que van facer coas partidas orzamentarias que non se van a gastar ou que van facer cos remanentes, "porque non dixeron nada ao respecto e deberían servir para axudar aos concellos e veciños desta provincia".