Vilaboa dota de abastecemento de auga á residencia de maiores da Rialiña
Por Redacción
O Concello de Vilaboa acaba de adxudicar a primeira fase da rede de abastecemento municipal á Ramalleira, unha obra que saíu a licitación por 160.000 euros dentro dos proxectos incluídos no Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
Os traballos, que contan cun prazo de execución de dous meses, teñen como principal obxectivo dotar de abastecemento de auga á residencia de maiores da Rialiña, que ata o de agora dispón de captacións propias.
A actuación beneficiará tamén aos veciños, xa que senta as bases para liquidar os problemas de subministración de auga que padecen no verán os residentes nesta parroquia, xa que durante o período estival as captacións procedentes de pozos individuais reducen o seu caudal xerando unha escaseza de auga que dificulta o desenvolvemento normal das actividades domésticas e agrarias dos veciños desta contorna.
Para o alcalde de Vilaboa, César Poza, trátase dunha actuación prioritaria que poñerá fin aos problemas de subministración que contrariaban aos veciños.