Poio aplicará bonificacións e exencións en impostos municipais
Por Redacción
O Concello de Poio ultima a elaboración dun plan de análise dos impostos municipais, que servirá para estudar a aplicación de bonificacións e exencións en algúns destes impostos, como é o caso do IBI ou do Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM), entre outros.
Así o anunciou o concelleiro de Economía e Facenda, Xulio Barreiro. O edil lembrou que este é un dos compromisos adquiridos polo goberno local, de aí que se leve traballando neste estudo desde hai xa varios meses. De feito, a intención do equipo de goberno é que estas actualizacións figuren xa no orzamento municipal correspondente ao vindeiro ano, en cuxa elaboración xa se está traballando.
O concelleiro de Economía e Facenda lembrou que impostos como o IBI ou a "viñeta" de automóbiles están en Poio "moi por debaixo da media da provincia de Pontevedra". De feito, Barreiro salienta que, no que á media de recadación se refire de impostos, "en Galicia a presión fiscal está fixada en 507 euros por habitante, mentres que en Poio estamos en 503". Outro feito que salienta o titular desta área é que o Concello leva desde o ano 2013 apostando pola conxelación dos impostos municipais.
PLUSVALÍAS
Con respecto ao cobro de plusvalías Xulio Barreiro lembra que actualmente 39 concellos da provincia de Pontevedra recadan este tipo de impostos, "concellos que contan con gobernos de todas as cores políticas".
O edil do BNG sinalou que Poio ocupa o vixesimosexto posto a nivel provincial en tipo impositivo e, ademais, enumerou unha serie de bonificacións que se aplican ás plusvalías no noso municipio. Así, por exemplo, no caso das herdanzas, dita bonificación ascende ao 95%.
Tamén existe unha redución do 50% para todos aqueles contribuíntes que dispoñen dunha renda con base impoñible inferior a 30.000 euros anuais.
Por último, Barreiro explicou que quedan exentos deste imposto os bens que se achegan a sociedades conxugais e as transmisións en favor de fillos. Neste sentido, o goberno local ten claro que "falar de espolio ou de afogamento económico, tendo en conta estas bonificacións e exencións é unha maneira máis que ten a oposición de tratar de confundir á veciñanza".