A Lama remata o operativo de limpeza e desinfección fronte á covid nos cemiterios
Por Redacción
Os operarios municipais do Concello da Lama levaron a cabo durante estes dias un amplo operativo de limpeza e desinfección fronte á covid-19 nos cemiterios municipais da Lama, Seixido, Antas, O Peso, Barcia de Seixo e Gaxate, co fin de que poidan estar en perfectas condicións para a celebración do Día de Defuntos.
Para esta campaña incorporouse un remolque versátil especialmente preparado para a limpeza e desinfección viaria, cun prato de auga a presión aplicada ao pavimento dos cemiterios para limpar e eliminar calquera posible presenza de covid.
Así mesmo, o Concello instalará paneis explicativos sobre a nova normativa que rexerá a presenza nos cemiterios por mor do Estado de Alarma recentemente decretado e colocará dispensadores de xel hidroalcólico para maior seguridade sanitaria das persoas asistentes nestes días de Tódolos Santos e Defuntos.
Seguindo as peticións dos concelleiros do equipo de goberno responsables das distintas parroquias, o alcalde, Jorge Canda, deu instrucións aos operarios municipais para que reforzasen a presenza de contedores e papeleiras e revisaron as conducións de auga e servizos públicos nos cemiterios do municipio co fin de favorecer as tarefas de limpeza que nestas datas acostuman a facer as persoas que visitan os camposantos. Así mesmo, reforzouse a periodicidade do camión de recollida de lixo dos contedores no exterior dos recintos.
En canto aos puntos de luz, fíxose unha revisión das luminarias e foron reprogramadas para que permanezan acesas durante máis horas nestes días.
Os operarios realizaron outros arranxos menores, como a reparación de billas de auga, papeleiras defectuosas e reposición de pedras ornamentais nas zonas axardinadas dos cemiterios.
Relacionadas:
-
Solucionan os graves problemas de humidade na capela do cemiterio da Escuadra
Por Redacción |
-
A Lama acomete a mellora do entorno da capela da Virxe de Lourdes en Barbeira de Arriba
Por Redacción |
-
A Lama mellora un camiño no Peso integrado na "Ruta da Liberdade"
Por Redacción |
-
A Lama reordena a rede de abastecemento de auga nas parroquias de Antas e Seixido
Por Redacción |