Portas disporá de dúas pistas de pádel antes de que remate este ano
Por Redacción
O Concello de Portas disporá antes de que finalice o presente ano de dúas pistas de pádel que serán construídas na Azucreira grazas a un acordo subscrito entre o alcalde, Ricardo Martínez, e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa e que suporán un investimento en infraestruturas deportivas no municipio de 44.407 euros.
A construción destas dúas pistas de pádel ao aire libre levarase a cabo no lugar que ata o momento ocupaba a pista de tenis, na Azucreira, permitindo así modernizar este espazo e axeitalo mellor á demanda veciñal sobre a práctica deportiva ao tempo que completa a oferta municipal en materia deste tipo de infraestruturas.
Estas dúas pistas de pádel ao aire libre contan cun orzamento duns 44.407 euros dos cales 29.000 son subvencionados pola Xunta, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, e os 15.407 euros restantes aportaraos o Concello de Portas con fondos propios. As obras executaranse antes de que remate o presente ano.
O alcalde de Portas, Ricardo Martínez, destacou que esta actuación supón aumentar as infraestruturas deportivas das que dispón o municipio no espazo lúdico e social da Azucreira onde xa están ubicados inmobles e servizos públicos de grande interese social como son a Escola Infantil Galiña Azul, o Centro de Día así como o complexo que conforman as propias instalacións da Azucreira.
Segundo, Ricardo Martínez, "estas dúas pistas aumentarán os servizos deportivos no municipio ao tempo que se lle dá cabida á forte demanda veciñal existente neste sentido para a práctica do pádel, unha disciplina deportiva que cada vez ten máis seguidores e practicantes no noso concello".