As participantes no webinar sobre as mulleres do rural recoñecen que a covid-19 obrigounas a multiplicarse laboralmente
Por Redacción
Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra e Rosa Arcos, presidenta de Fademur Galicia, inauguraban este mércores o webinar 'As mulleres e os efectos da covid-19 na Galicia rural', un encontro impulsado pola Escola María Vinyals.
O acto que se emitiu vía vídeoconverencia interviñeron tamén Patricia Rodríguez, socia de acuBam; Mari Luz García Barreiro, produtora de vacún en Nigoi; e Teresa Domínguez, orientadora do Centro Rural Rural Agrupado Mestra Clara Torres de Tui.
A presidenta provincial abriu o acto lembrando a importancia da produción e consumo no mercado de proximidade e lembrou que chegarán numerosos recursos procedentes da Unión Europea. Alertou da necesidade de que se consulte ás mulleres para darlle destino a esas axudas económicas.
Carmela Silva pediu a elaboración dun documento para trasladar tanto ao goberno da Xunta como ao goberno do Estado no que se recollan as demandas por parte das mulleres, ás que pediu un papel proactivo. "Este debate debe estar non centro da actuación política a nivel estatal", afirmou a anfitrioa deste acto, que destacou que o rural precisa dun cambio de paradigma centrado na loita contra o despoboamento e cunha aposta pola innovación para o que será necesario un esforzo en dixitalización e un novo modelo económico no que se respecte o medio ambiente.
Silva tamén quixo referirse á importancia da política local e destacou que durante o confinamento resultou fundamental porque alcaldesas e alcades coñeceron os problemas dos veciños e axudaron mesmo a imprimir materiais educativos para axudar ás familias sen acceso a internet. "Moitos despachos descoñecen a realidade do día a día", apuntou a presidenta da Deputación lembrando a importancia da política máis próxima á veciñanza.
Rosa Arcos, pola súa banda, agradeceu á Deputación que sempre apoie ás mulleres e sinalou que é necesario que o rural aproveite as posibilidades coas que conta buscando un espazo de convivencia máis igualitario. Lamentou que o rural careza de mecanismos e de competencias dixitais básicas para poder acceder á aprendizaxe por internet ou para sesións telemáticas co sistema sanitario.
Patricia Rodríguez indicou que o rural, en todo caso, mostrou durante os meses de confinamento que conta con máis capacidade para saír adiante que as zonas urbanas. Nesta mesma liña, Vicky Alonso, deputada de Cultura que tamén participou no acto, mostrouse orgullosa por estes espazos fóra das urbes e polas mulleres pioneiras que funcionan como motor económico. Indicou que é necesario que as mulleres residentes no rural formen parte da vida pública e acheguen as súas ideas.
Todas as participantes destacaron a importancia de poñer en valor ao sector primario, que tal e como se demostrou durante estes meses, son fundamentais. Desta forma, apuntaron a que o papel das mulleres desde o inicio da pandemia obrigounas a multiplicarse sumando máis actividades de atención familiar aos seus labores profesionais e lamentaron que a xestión da pandemia se mida con parámetros moi urbanitas sen ter en conta as características doutras poboacións.
Rosa Arcos ofreceu o dato de que na contorna rural as mulleres tarda de media once anos máis en denunciar a violencia machista que nas cidades e solicitou que os departamentos que se ocupan da atención ás vítimas deben realizar unha función máis próxima nestes municipios visitando as casas e mantendo un contacto máis directo coas mulleres.