Deteñen un veciño de Xeve que denunciou un roubo na súa casa e detallou que lle faltaban 4 quilos de marihuana terapéutica
Por Natalia Puga
A Policía Nacional de Pontevedra detivo e xusto despois deixou en liberdade un veciño de Xeve que a semana pasada denunciou que sufrira un roubo na súa casa e, á hora de detallar os obxectos roubados, especificou que lle faltaban catro quilos de cogollos de marihuana terapéutica.
PontevedraViva púxose en contacto con este home e negou que fose detido e que detallase o roubo da marihuana, pero fontes oficiais da Comisaría Provincial da Policía Nacional confirmaron que na denuncia presentada consta por escrito que el relatou o roubo desa cantidade de droga.
O propio veciño chamou á Policía Nacional para dar conta do roubo o pasado 21 de outubro sobre as 14.00 horas e unha patrulla policial desprazouse ata a súa casa, no lugar de Fragoso, na parroquia pontevedresa de Santo André de Xeve. Unha vez alí, relatou aos axentes que lle roubaran diversos apeiros de labranza e ferramentas e sobre catro quilos de marihuana terapéutica que tiña en dous lugares diferentes da casa, unha parte no invernadoiro e outra no interior da vivenda.
Os policías non atoparon marihuana na casa, pero si constataron que había follas desta planta e restos de substancia. Ademais, segundo confirmaron fontes oficiais da Comisaría, o home acudiu ás dependencias policiais a ratificar a denuncia e alí relatou que lle roubaran unha bomba de auga, unha caixa de ferramentas, unha rozadora, eses catro quilos de cogollos de marihuana terapéutica, unha radio, un tocadiscos, unha guitarra e un compresor, entre outros elementos.
Segundo consta na denuncia, os autores saltaran un valo perimetral de acceso á leira e, para entrar na casa, forzaran unha porta facendo panca cunha pata de cabra ou outra ferramenta similar. Unha vez dentro, o interior da casa estaba revolto e notou a falta de todos eses elementos relatados.
A Policía Científica acudiu á vivenda para investigar o roubo e solicitar probas que permitan dar co autor ou autores do mesmo e logo fixéronse cargo da investigación os axentes do Grupo Operativo de Tráfico Medio de Estupefacientes, que procedeu á detención do denunciante por un presunto delito contra a saúde pública. Foi tan só un trámite, pois deseguido deixárono en liberdade manténdolle a condición de investigado.
O afectado relatou a PontevedraViva que foi a Policía Nacional a que, cando chegou á súa vivenda tras a denuncia por roubo, a que atopou indicios de cultivo de marihuana, que sería para fins terapéuticos, e decidiu investigalo. Recoñeceu que tiña en casa unha pequena cantidade de substancia para consumo propio e que os policías están a investigar.
Ademais, relata que os ladróns lle levaron ferramentas valoradas en entre 3.000 e 4.000 euros, entre elas varias antigas que herdou da súa familia, e que, pola forma na que se produciu o roubo, os ladróns tiveron que estar a vixiar os seus movementos. Engade a sensación de inseguridade que lle xera ser vítima dun roubo na súa propia casa, aínda que fose na súa ausencia.