A Lama esixe un pediatra: "Feijóo, igual que ti queres o mellor para o teu fillo, nós tamén o queremos para os nosos"
Por Redacción
"Feijóo, igual que ti queres o mellor para o teu fillo, nós tamén o queremos para os nosos". Foi a apelación directa que fixeron os pais e nais da Lama que, acompañados polos seus fillos, concentráronse na Alameda para esixir a volta do pediatra ao centro de saúde da vila.
Un centenar de persoas participaron nesta protesta, convocada pola ANPA do CEIP da Lama, portando pancartas alusivas á falla de apoio e servizos no rural e demandando que se cumpra cos dereitos dos nenos a ter acceso no seu pobo ao sistema nacional de saúde pública.
Os asistentes coincidiron en que "agora máis que nunca" é necesaria a presenza do pediatra no centro de saúde da Lama, especialmente polo repunte da pandemia da covid-19.
A concentración rematou cun aplauso colectivo e co compromiso dos participantes de seguir adiante coas súas protestas ata que se resolvan as súas demandas de xeito satisfactorio.
Sanidade, engadiron no seu manifesto, debe "poñer fin a esta importante fenda" que está abrindo entre os residentes do rural e das cidades, "creando nenos con dereitos de primeira e nenos de segunda", algo que consideran "inxusto" nunha sociedade democrática.