Nova vida para o estanque das Palmeiras, cun novo sistema de depuración e esterilización e limpeza en profundidade
Por Redacción
O emblemático estanque do Parque das Palmeiras de Pontevedra terá unha nova vida como resultado dun proxecto que xa puxo en marcha a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural.
O proxecto conta cun investimento de 12.500 euros en varias fases. A primeira consistiu na instalación dun dobre sistema de filtrado que permitirá o control automático dos niveis de cloro da auga e a súa esterilización mediante un tratamento con luz de raios ultravioleta.
O concelleiro de Medio Natural, Iván Puentes, explicou que esta actuación vai garantir que estea nas mellores condicións de calidade e salubridade. Conta cun sistema de mantemento e control dos niveis de cloración da auga, no que se investiron 5.566 euros e que posibilita o cumprimento da normativa vixente mediante a inxección automática de cloro (que se vai evaporando nun circuíto de recirculación).
Ademais, combinado co anterior, instalouse outro sofisticado sistema de desinfección que fai que a auga pase por dous filtros e se someta a un tratamento de lámpadas de luz ultravioleta que aniquila bacterias e axentes patóxenos. Este segundo sistema supuxo un investimento de 3.900 euros e permite que o estanque teña unha depuración e esterilización "absolutamente efectiva".
O proxecto completarase cunha limpeza en profundidade do estanque e tamén se acometerá a restauración e reposición das características ras que presidían a zona exterior, moitas das cales foron danadas en actos de vandalismo, e cunha intervención de mellora dos xardíns existentes neste contorno.
Esta última actuación, para que se destinará unha achega de 2.500 euros, contempla a adquisición de novas plantas e a dotación dun sistema centralizado de rego automático.
O proxecto contratouse a empresas punteiras nos seus respectivos ámbitos, Reforvi Mantenimientos (orientada a obras e mantementos), Viaqua (concesionaria do subministro de auga no concello) e Tecnatur (especializada no tratamento de augas).