Caldas de Reis leva a pleno rebaixas fiscais para sectores afectados pola crise
Por Redacción
O Concello de Caldas de Reis celebra este xoves o Pleno ordinario correspondente ao mes de outubro con varios temas de relevancia municipal. A sesión, que terá lugar a partir das 19.00 horas, inclúe a modificación de diversas ordenanzas fiscais municipais para o próximo exercicio nas que se contempla a conxelación xeral das taxas e a aplicación de numerosas rebaixas e exencións en diversos tributos co obxecto principal de beneficiar a algúns dos sectores máis prexudicados pola crise económica da covid-19.
Como xa informou o Goberno en días anteriores, aplicarase a exención da taxa de terrazas aos hostaleiros e a dos taxis. Así mesmo, rebaixarase nun 50% a taxa por venda ambulante e na mesma cantidade aos praceiros por ocupar un espazo na Praza de Abastos.
Finalmente, aplicarase unha rebaixa dun 10% no recibo do lixo ao conxunto da cidadanía.
Na sesión plenaria tamén se someterá a aprobación o expediente de cambio de uso dun equipamento educativo a espazo libre público no lugar de Cope, en Carracedo. Trátase dunha vella construción que segue catalogada no PXOM como equipamento de uso educativo posto que se dedicaba antigamente a escola.
Non obstante, leva máis de 40 anos sen actividade e presenta un estado de importante abandono que provoca que a súa catalogación no Plan de Xeral de Ordenación non se corresponda coa realidade. O cambio de uso a espazo libre público permitiralle ao Concello de Caldas de Reis eliminar a construción e destinar a superficie a outras alternativas en proveito veciñal.
Tamén se proporá para a súa aprobación inicial por parte do Pleno o novo regulamento da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil e a derrogación do regulamento actualmente vixente.
Así mesmo, a orde do día contempla a aprobación, se procede, da modificación do prazo de duración da prórroga e da revisión dos prezos do contrato para a subministración de electricidade de alta e baixa tensión, así como a modificación da ordenanza reguladora dos prezos públicos da gardería municipal.
Finalmente, na actividade de control debateranse as mocións presentadas polos grupos municipais de PSdeG-PSOE, PP e BNG.