Piden unha carpa na entrada do centro de saúde do Grove como sala de agarda
Por Oskar Viéitez
Ao igual que sucede noutras localidades, por mor do protocolo da covid-19 as persoas que acoden ao Centro de Saúde do Grove deben agardar a súa quenda no exterior.
Dende o grupo municpal do BNG sinalan que esta espera á intemperie a parte de molesta en si, contribúe a agravar a situación de moitos pacientes por iso presentou unha moción ao Pleno da Corporación municipal pedindo a instalación dunha carpa.
A iniciativa saíu aprobada por unanimidade, cos acordos de dotar urxentemente á entrada do Centro de Saúde dunha carpa ou cuberta provisional coa altura e dimensións necesarias de xeito que protexa da choiva aos usuarios que esperan fóra.
Ademais o Concello do Grove instará á Consellería de Sanidade a que sufrague os gastos de dita instalación.