Ana Pontón lamenta que a Xunta sexa un "freo de man levantado" para o avance de Pontevedra
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, lamentou este xoves a "discriminación" que, ao seu xuízo, exerce a Xunta de Galicia con Pontevedra. O goberno de Alberto Núñez Feijóo actúa, segundo engadiu, como un " freo de man levantado" que dificulta o avance da cidade.
Nun almorzo informativo, no que estivo acompañada do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e do deputado Luís Bará, Pontón advertiu do "agravio claro" que leva sufrindo a cidade do Lérez nos once anos de goberno do Partido Popular.
"Se algo ten feito a Xunta neste tempo é discriminar a Pontevedra", sinalou a líder do BNG, que apuntou que iso "contrasta" cos investimentos que chegan de Madrid ou coa " boa relación" que hai entre o goberno municipal e a Deputación de Pontevedra.
Ana Pontón concentrou os incumprimentos da Xunta con Pontevedra en tres ámbitos, un deles o sanitario.
Considera que o executivo de Núñez Feijóo é "responsable" do atraso de máis de doce anos que acumula a ampliación de Montecelo, cuxa licitación foi de novo paralizada hai meses. "Só hai proxectos e maquetas pero non se fixo nada", dixo.
Ademais, censurou a "parálise" da variante de Alba, vía que considera "prioritaria" e que resulta "fundamental" para mellorar a mobilidade en Pontevedra e conectar as estradas de Pontevedra a Vilagarcía e Caldas de Reis. Por iso, o BNG reclama que se retome o proxecto.
A iso Pontón engadiu as actuacións en materia de saneamento e rexeneración da ría, empezando por unha dragaxe do río Lérez que debería servir, lembrou, para mellorar a navegabilidade e protexer os bancos marisqueiros do fondo da ría.
Neste sentido, a dirixente nacionalista lembrou que, despois de tres anos de tramitación, non se presentou aínda o plan de saneamento local da ría, que debería recoller todos os proxectos ambientais necesarios para rexenerar este espazo natural.
A este respecto, desde o BNG insisten no seu rexeitamento á "macrodepuradora" dos Praceres e consideran que a " mellor opción" para sanear a ría sería instalar depuradoras de tamaño máis pequeno en diferentes puntos da ría de Pontevedra.
A pesar desta "falta de cooperación" con Pontevedra, Ana Pontón destacou que o goberno que preside Miguel Anxo Fernández Lores, "foi quen de transformar a cidade" e implantar un modelo "que é un orgullo nacional para Galicia".
Relacionadas:
-
A emoción de Feijóo na súa cuarta toma de posesión como presidente da Xunta: "É máis emocionante que a primeira"
Por Natalia Puga |
-
Ana Pontón inspírase no ‘modelo Pontevedra’ para a nova Xunta e para unha Galicia que se "anticipe aos cambios que necesita"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Ana Pontón, en Pontevedra: Os galegos deben "romper a rutina" e deixar atrás a Galicia "decadente" do PP
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |