O Concello de Marín denuncia o roubo de oito espellos de tráfico
Por Oskar Viéitez
O Concello de Marín advertiu nos últimos días dunha serie de actos vandálicos que se están a producir en diferentes lugares do rural da vila, onde están a ser roubados os espellos de mellora da visibilidade no tráfico rodado.
Segundo ten constancia o Concello, polo menos xa foron substraídos oito unidades nos lugares da Brea, Castro, Ruanova, Currás, Teoira, Vilaseca, Casás e Picotes.
Os infractores levan o espello, aínda que deixan o poste, xerando un importante problema para a seguridade viaria da veciñanza do rural, dado que estes espellos cumpren unha importante función para evitar accidentes e mellorar o fluxo de tráfico de maneira segura.
O Goberno local condena estes roubos e pide colaboración cidadá para tratar de identificar aos infractores e axudar á Policía Local nas súas pescudas.
Tal e como informou a Concellaría de Medio Rural, os espellos tratarán de repoñerse na maior brevidade posible.