Luisa Piñeiro analiza unha decena de proxectos co alcalde de Caldas de Reis
Por Redacción
A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, desprazouse este xoves ata Caldas de Reis para realizar a súa primeira visita institucional ao Concello e manter un encontro de traballo co alcalde, Juan Manuel Rey, co que se analizaron unha decena de proxectos vencellados ao executivo galego.
Nesta xuntanza, a representante autonómica recolleu, como principais solicitudes, o estado do río Umia, incluíndo a eliminación das plantas invasoras, e o desenvolvemento de saneamentos, o acondicionamento do Camiño Portugués no treito correspondente con Arcos da Condesa e, tamén no eido turístico, a restauración da ponte romana e a construción dunha área de autocaravanas. Luisa Piñeiro, a petición do alcalde, comprometeuse a xestionar unha entrevista coa directora de Turismo de Galicia para abordar estes asuntos.
Outras peticións centráronse na axilización do convenio para o emprego da Oficina de Extensión Agraria, a execución de accións de calmado na estrada autonómica do Pousadoiro (PO-305) á altura de Sequeiros, o pechamento do campo de fútbol ou o desenvolvemento e axilización dos proxectos de concentración parcelaria.
Neste punto, a delegada territorial tamén mantivo un pequeno encontro con representantes da zona de Bemil para abordar a posibilidade de realización dun proceso de agrupación de fincas rurais e forestais para darlle continuidade, no ámbito municipal, aos de Saiar e Godos.
Finalmente, Luisa Piñeiro interesouse polo estado da consecución dos terreos, por parte do Concello de Caldas de Reis, para a ampliación do IES Aquis Celenis e do centro de saúde, que tamén funciona como Punto de Atención Continuada (PAC) para a bisbarra. Segundo lle explicou o alcalde, en ambos casos a tramitación urbanística xa foi activada, polo que agardarase ao seu remate para dar cumprimento á normativa nestes dous proxectos.