A Fiscalía pide 30 anos para os tres acusados polos 62 quilos de coca que un polisón ía entregar na ría de Pontevedra
Por Oskar Viéitez
A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra deixou visto para sentenza o xuízo contra tres homes por facer chegar ao Porto de Marín a bordo dun buque mercante unha partida de 62 quilos de cocaína.
O fiscal delegado da Fiscalía Antidroga de Pontevedra, Pablo Varela, reclamou nas súas conclusións definitivas máis de 30 anos de prisión para estes tres procesados. "Había un concierto previo en el cual se fijaba quien traía y quien recibía la droga", argumentou.
Concretamente, para Leonardo C. C. solicita que sexa condenado a 13 anos e 6 meses de cárcere, ao entender, en base ás intervencións telefónicas autorizadas xudicialmente, que "mantuvo de modo sostenido en el tiempo conversaciones" para organizar toda a operación, establecendo contactos en Colombia onde viaxou para orquestrar o envío.
A Fiscalía tamén fundamenta a súa acusación en que Leonardo, un transportista de Valga que usaba o alias de Cristóbal, tiña ao seu nome teléfonos que tamén lle sitúan na ría de Pontevedra o día da entrega da droga, desde onde enviou unha mensaxe supostamente dirixida ao colombiano no que dicía: "Negro lánzate tú también al mar que te recojo".
O avogado que exerce a defensa de Leonardo solicitou a libre absolución do seu cliente ao entender que non existen probas sólidas contra el.
En canto ao segundo dos acusados, Harbey C. P. un cidadán colombiano que se coou como polisón no buque Cap Beatrice cando estaba atracado en Cartaxena de Indias, recoñeceu diante do tribunal que subiu abordo portando unha mochila con 52 ladrillos de cocaína que ía arroxar ao mar ao entrar na ría de Pontevedra, onde sería recollida por un lancheiro que tamén lle debería levar a el a terra.
O fiscal antidroga pide que sexa condenado a 8 anos de prisión. O seu defensa solicita que a condena se rebaixe a 4 anos tendo en conta a confesión pero o representante do Ministerio Público entende que non cabe esta alegación xa que Harbey foi pillado in fraganti polo capitán do barco cando viaxaba como polisón e que non axudou no esclarecemento do caso achegando máis datos.
No xuízo detallouse como a Garda Civil frustrou a entrada deste alixo. Coa autorización xudicial, un dos axentes fíxose pasar polo polisón para manter o contacto cos seus potenciais cómplices facendo unha "entrega vigilada" dun reclamo.
Así foi como pillaron ao terceiro acusado, o mozo percebeiro de Sanxenxo Rubén P. R., que "creyendo hablar con Harbey", deulle os detalles da lancha na que ía recoller ao polisón e a mochila coa droga unha vez que saltasen pola borda do mercante en metade da ría de Pontevedra. Os tres acusados portaban un papel cos detalles do plan e as coordenadas onde debía producirse a entrega da cocaína. A Garda Civil detivo ao lanchero tras unha persecución pola ría.
O fiscal pide para el unha condena de 9 anos de prisión, tendo en conta que tamén ten antecedentes ao ser reincidente no tráfico de drogas. Igualmente o mozo confesou durante o xuízo a súa participación neste caso e o seu avogado alegou que o delito se produciu en grao de tentativa polo que pediu que se rebaixe a condena a 5 anos.
Relacionadas:
-
Penas de 7 a 10 anos de prisión para tres acusados dun alixo de 52 quilos de coca que un polisón transportou de Colombia a Marín
Por Natalia Puga |
-
O polisón e o lancheiro confesan que tentaron introducir 50 quilos de cocaína pola ría de Pontevedra
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A ausencia de testemuñas principais apraza o xuízo dunha frustrada introdución de cocaína polo Porto de Marín
Por Redacción |
-
Xulgan tres acusados de transportar cocaína de Colombia a Marín a través dun polisón
Por Natalia Puga |