A Vía Verde como exemplo de colaboración interinstitucional
Por Oskar Viéitez
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, visitou este venres a Vía Verde do Salnés acompañada do alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, o alcalde de Portas, Ricardo Martínez, e o edil de Vilagarcía Álvaro Carou.
Xa se completou a fase pendente do proxecto tras o remate das obras desenvolvidas pola Xunta de Galicia.
Para a conselleira a Vía Verde "é un reclamo non só a nivel local e galego, senón de categoría nacional" así como "todo un exemplo de turismo sostible, lecer saudable e economía circular". Pola súa banda o alcalde volveu incidir na súa "satisfacción por ver cumprido este soño" e agradeceu á Xunta e á Deputación de Pontevedra "o seu compromiso para facer que a primeira vía verde de Galicia sexa posible nun claro exemplo da importancia da colaboración institucional".
Os traballos a desenvolver nesta fase pola Consellería de Medio Ambiente e Territorio tiveron un orzamento próximo aos 200.000 euros procedentes de fondos europeos FEDER, aínda que a cantidade total destinada ao proxecto alcanzou os 600.000. As obras desta fase foron executados por Tragsa. Consistiron na colocación de sinaléctica informativa e de carteis direccionais ao longo dos 9 quilómetros de percorrido.
Tamén se colocaron bancos, mesas e outro mobiliario, pero case a metade do orzamento foi destinado ao acondicionamento da ponte de ferro datada de 1897 sobre o río Umia. Esta actuación contemplou o saneamento de toda a estrutura, a colocación da pasarela sobre vigas en forma de “U” e a disposición de varandas de seguridade.
Cómpre lembrar que a Vía Verde do Salnés xurdiu como un proxecto para acondicionar o antigo trazado do ferrocarril no treito Vilagarcía-Caldas de Reis-Portas, unha infraestrutura que quedara en desuso tras a posta en marcha do Eixo Atlántico de Alta Velocidade para conectar por tren Vigo e A Coruña. Deste xeito, o novo itinerario, pensado para o uso de peóns e cicloturistas, discorre sobre a vella plataforma do ferrocarril.
Relacionadas:
-
Caldas, Portas e Vilagarcía asumirán o acondicionamento periódico da Vía Verde
Por Redacción |
-
Alertan sobre o paso de quads e presenza de cazadores na Vía Verde
Por Redacción |
-
O Plan Estratéxico de Turismo 2021-2023 quere converter ás Rías Baixas nun destino intelixente
Por Oskar Viéitez |
-
A primeira Vía Verde de Galicia xa é unha realidade no Salnés: "esta provincia volve ser referencia"
Por Redacción |
-
As obras da segunda fase do proxecto da Vía Verde do Salnés comezarán a mediados de marzo
Por Oskar Viéitez |
-
Medio Ambiente completará a comezos de 2020 o itinerario da Vía Verde do Salnés
Por Oskar Viéitez |