Sanxenxo adianta o dispositivo anticovid nos cemiterios para garantir o cumprimento das medidas sanitarias
Por Redacción
O goberno local de Sanxenxo anunciou que adiantarán o dispositivo anticovid nos camposantos para garantir o cumprimento das medidas sanitarias. A Policía Local controlará desde este venres o aforo e o cumprimento de restricións nos sete cemiterios do municipio: Sanxenxo, Dorrón, Bordóns, Nantes, Portonovo, Noalla e Vilalonga.
Así, haberá axentes nos horarios de maior afluencia de mañá e tarde, tanto no interior como no exterior dos cemiterios, para controlar que se cumpra o uso obrigatorio da máscara, a distancia social e a hixiene de mans. A normativa vixente establece un máximo de 4 persoas conviventes e a duración da estancia no camposanto non deberá superar os 30 minutos.
Durante esta mañá a Policía Local coa colaboración de operarios municipais de Servizos habilitou en varios cemiterios itinerarios de entrada e saída con valos para facilitar o control dos aforos e as entradas, así como saídas ordenadas. O goberno local confía en que estas medidas unidas á "responsabilidade individual" axuden a realizar as visitas aos camposantos con seguridade.
Nos cemiterios de titularidade municipal como o de Sanxenxo e o de Dorrón ampliouse o horario de apertura, de 9 a 21 horas, e desdobráronse os itinerarios de entrada e saída para evitar aglomeracións nos accesos. Os baños de ambos os camposantos limparanse cada hora e media para garantir o perfecto mantemento durante o Día de Todos os Santos. En distintos puntos hai dispensadores de xeles hidroalcohólicos e colocáronse carteis nos que se lembran as medidas sanitarias obrigatorias.
Relacionadas:
-
Consulta as medidas que se aplican esta fin de semana nos cemiterios de Pontevedra
Por Redacción |
-
A Policía Local de Poio fará cortes puntuais nalgunhas rúas próximas aos cemiterios
Por Oskar Viéitez |
-
Catrinas, flor de cempasúchil e moita cor para atraer á clientela e honrar aos mortos
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Dispositivo especial de tráfico nos accesos aos cemiterios desde o venres ata o domingo
Por Redacción |