Veciños da rúa Baladas de Barro convidan a celebrar un Samaín alternativo
Por Redacción
Un grupo de veciños da rúa Baladas, no concello de Barro, convida á xente da zona a participar no I Concurso do Samaín entre Portas.
Esta iniciativa segue a liña doutras propostas que fixeron durante o tempo de confinamento para facer máis levadía a situación da pandemia, con humor e boa veciñanza. Ademais, animan a que se realice a actividade en familia.
Para participar no Samaín entre Portas o requisito é ter un piso nun edificio da rúa Baladas e que o veciño estea disposto a decorar a porta de entrada.
Unha vez decorada a porta, hai que enviar unha fotografía ao whatsapp da organización: 605 479 388, indicando o nome co que titula á súa porta.
As fotos publicaranse na páxina de facebook que habilitarán os organizadores e a porta que máis "encántame" reciba, gañará o concurso.
O prazo para anotarse finaliza o sábado 31 de outubro ás 20 horas.
Como indican desde a organización, "a intención é ambientar e tomar cun pouco de humor para levar mellor estes tempos de angustia e, como non, conservar o costume do Samaín que aos nenos tanto lles gusta".
Os premios, cedidos de xeito anónimo, serán os seguintes: un primeiro premio dun vale de compra de 25 euros na hostelaría de Barro, un segundo composto por unha caixa de máscaras cirúrxicas e un terceiro que consiste nunha botella de hidroxel. Tamén se anuncia que para todos os participantes haberá chuches.