A área sanitaria alcanza os 30 falecidos por covid-19 tras morrer un paciente de 72 anos ingresado en Montecelo
Por Natalia Puga
A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés suma desde a tarde deste venres 30 vítimas mortais da covid-19. A cifra alcanzouse tras o falecemento dun paciente de 72 anos que estaba ingresado no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHOP).
Segundo o balance oficial realizado polo Servizo Galego de Saúde na tarde deste venres, nesta última xornada faleceron oito persoas que foran diagnosticadas por coronavirus en Galicia, entre elas, un home en Pontevedra.
Esta morte rexístrase só tres días despois da última rexistrada na área sanitaria, a número 29, que fora o pasado martes un home de 87 anos que estaba ingresado en Montecelo e tiña patoloxías previas.
Os oito falecidos deste venres tiñan patoloxías previas, segundo confirmaron fontes oficiais da Consellería de Sanidade, aínda que non transcenderon de que tipo de enfermedasd trátase.
No caso do home falecido no CHOP, estaba ingresado no Hospital Montecelo, onde este venres había un total de 46 pacientes con covid-19 ingresados en planta e sete na unidade de Coidados Intensivos. Ademais, hai outros dous pacientes no Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez Pontevedra e tres máis no Hospital do Salnés.
Este venres 30 de outubro a área sanitaria ten 899 casos activos de coronavirus, 61 máis que o día anterior, tras sumar un total de 79 novos positivos e 18 altas. Do total de casos activos, 841 permanecen en seguimento domiciliario.
Desde o inicio do plan de continxencia da covid-19 curáronse 2.395 pacientes e faleceron 30 pacientes na área sanitaria.
Relacionadas:
-
A curva non frea na área sanitaria, que pasa a barreira dos 900 casos activos de covid-19
Por Natalia Puga |
-
A covid-19, sen freo en Pontevedra: 899 casos activos, tras 79 contaxios nun día
Por Alejandro Espiño |
-
Un home de 87 anos ingresado no CHOP, vítima 29 da covid-19 na área sanitaria
Por Natalia Puga |