Moita pedagoxía e ningunha multa nos controis policiais para garantir o cumprimento do peche perimetral e o toque de queda
Por Natalia Puga
Desde que ás 15.00 horas do venres entraron en vigor as medidas que restrinxen a mobilidade e as reunións de persoas en distintas zonas de Galicia, entre elas o perímetro de Pontevedra, Poio e Marín, os controis policiais non pararon en vías de entrada e saída destas localidades. En todas elas puideron verse importantes despregamentos de policías locais, nacionais e gardas civís, que vixían o cumprimento destas novas restricións e tamén outras xa previas como o toque de queda de 23.00 a 6.00 horas.
A pesar do rechamante das vixilancias, nelas non se impuxo, ata o momento, ningunha sanción. Os axentes encargados de realizar os controis tiraron máis de pedagoxía e información que do caderno de multas.
Por poñer un exemplo, durante a primeira xornada de aplicación das normas, a Policía Nacional de Pontevedra realizou controis entre as 15.00 e as 23.00 horas, coincidindo coa hora de aplicación das restricións de mobilidade e o inicio do toque de queda. En catro controles de verificación controlaron un total de 38 vehículos e identificaron a 68 persoas, pero non levantaron ningunha acta de sanción.
Tanto estes axentes como as policías locais de Pontevedra, Poio e Marín e a Garda Civil realizan indicacións aos condutores e acompañantes sobre o decreto 178/2020 do 30 de outubro polo que queda prohibido saír e entrar dos ámbitos municipais que constitúen estes concellos limítrofes e tampouco están permitidas as reunións de persoas non conviventes tanto no ámbito público como privado.
Estes controis manteranse durante toda a fin de semana e polo menos ata o martes, data na que o comité clínico de expertos da Xunta de Galicia constituido para a pandemia da covid-19 revisará as restricións.
A entrada ou saída dos municipios pechados perimetralmente pode saltarse unicamente nestas excepcións: en caso de asistencia a centros sanitarios, cumprimento de obrigacións laborais ou legais, asistencia a centros universitarios e educativos, retorno ao lugar de residencia habitual ou familiar, coidado a maiores, menores, dependentes ou discapacitados, desprazamentos a entidades financeiras, de seguros ou estacións de servizo, actuacións urxentes ante órganos públicos, xudiciais ou notariais, renovacións de permisos e documentacións, realización de exames, por causa de forza maior ou calquera outra actividade de análoga natureza debidamente acreditada.
A organización de reunións entre persoas que non viven baixo o mesmo teito tan só poden producirse no caso de encontros que se produzan por motivos de asistencia a maiores, menores, dependentes ou por causa de forza maior. Tampouco se aplicará esta limitación en actividades laborais, institucionais, empresariais, administrativas ou en centros de formación.
Relacionadas:
-
Identifican 22 persoas e notifican 11 incumprimentos das normas sanitarias en Vilagarcía durante a fin de semana
Por Redacción |
-
Galicia mantén o peche perimetral das súas cidades e as reunións só de convivintes
Por Alejandro Espiño |
-
Trece persoas denunciadas en Pontevedra por incumprir o toque de queda
Por Alejandro Espiño |
-
A Secretaría Xeral para o Deporte aclara as dúbidas xurdidas polas novas restricións
Por Redacción |
-
Se vives en Pontevedra, Poio ou Marín, estas son as razóns polas que podes saír do municipio ou facer reunións entre non conviventes
Por Manu Otero |
-
Controis (e primeiros atascos) no peche perimetral de Pontevedra, Marín e Poio
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |