O peche frustra as vacacións en Poio dunha parella inglesa: chegan sen coñecer as restricións e teñen que buscar outro aloxamento
Por Redacción
As restricións de movementos derivadas do peche perimetral de Pontevedra, Poio e Marín non só afectan á cidadanía e os negocios destes tres municipios, senón que teñen efectos mesmo a nivel internacional. Como exemplo, a historia dunha parella que chegou a Poio procedente de Inglaterra para pasar unhas vacacións nunha casa rural e tivo que acabar buscando aloxamento noutro municipio.
Do caso deu conta o Concello de Poio porque a Policía Local detectouno nun dos controis realizados desde a activación do peche perimetral na tarde do venres. A parella contou aos axentes que chegaron ata Poio sen coñecer as restricións, pois voaron desde Inglaterra e ninguén lles informou da situación.
Ese descoñecemento non lles serviu para chegar ao seu destino. Así, segundo indicaron desde o Concello, a pesar de que tiñan reservada a citada casa rural en Poio, non puideron acceder ao municipio ao atoparse pechado e a Policía Local recomendoulles que buscasen aloxamento nalgún concello próximo que non estea pechado.
Ademais, os axentes remitiron a esta parella de viaxeiros á Xunta de Galicia para que poidan resolver dúbidas e saber como teñen que proceder para reclamar os gastos da súa reserva no aloxamento turístico.
Estes controis da Policía Local tamén permitiron atopar outro caso dun vehículo no que uns veciños de Carballo pretendían chegar a Combarro para pasar esta fin de semana. No seu caso, tampouco lles deixaron entrar no municipio, pero puideron dar volta e regresar á casa con menos dificultades que os turistas ingleses.
O Concello de Poio deu a coñecer este sábado que os controis da Policía Local durante as primeiras horas foron só informativos, para que a cidadanía soubese as normas, pero a partir de agora en caso de que detecten algún incumprimento, van "endurecer" a súa actuación.
Ata o momento, de todas as maneiras, non detectaron ningún caso máis (a maiores dos turistas ingleses e de Carballo) de desprazamentos non permitidos e os tránsitos que se detectaron contan coa pertinente xustificación.