Chile convida a Mosquera a falar sobre o modelo Pontevedra polo "gran liderado" da cidade "en accións de sustentabilidade"
Por Redacción
Vinte minutos nos que o concelleiro de Ordenación do Territorio e Mobilidade e vicepresidente da Deputación, César Mosquera, explica o chamado 'modelo Pontevedra' e as actuacións realizadas desde o Concello nas dúas últimas décadas para transformar a cidade chegarán a todas as rexións de Chile.
O Goberno de Chile solicitou semanas atrás a colaboración de Pontevedra para participar no evento estatal 'Desafío por el clima', organizado da man do FIIS (Festival Internacional de Innovación Social) e o Ministerio de Medio Ambiente chileno. O evento estivo auspiciado pola Unión Europea (UE) e estivo rexido polo común interese de ambas administracións en torno ao cambio climático e seguindo a axenda cidadá da COP25 (Cumio do clima) camiño da COP26.
Na carta que o Goberno enviou a Mosquera para convidalo á charla xa lle pedía falar das "prácticas e políticas sostibles" de Pontevedra nun evento que tiña como obxectivo "xerar conciencia e educación en torno ao cambio climático".
Segundo lle explicaban nesa carta, púxeronse en contacto con Mosquera porque coñecen o "gran liderado" de Pontevedra "en accións de sustentabilidade e contribución a mitigar o cambio climático baixo o acordo de París".
A charla de Mosquera nese evento, de 20 minutos de duración, gravouse e agora será difundida a través de plataformas dixitais en Chile no marco de eventos pensados para todas as rexións, provincias e comunas do país, involucrando á cidadanía coa axenda climática de Chile.
A charla está centrada nas políticas adoptadas nos últimos 20 anos na cidade, conducidas á devolución dos espazos públicos á xente, limitando o tráfico –mediante peonalización e/ou con medidas destinadas á redución da velocidade dos vehículos– priorizando sempre ao peón, fomentando os desprazamentos a pé e xerando o que actualmente se coñece como Efecto PO2.
Entre outras cuestións, falou do descenso das emisións de CO2 nun 67%; a redución do número de coches que circulan actualmente pola cidade, que se sitúa en 7.000 fronte aos 80.000 de 1999; ou a limitación da velocidade a 30km/h no perímetro da cidade e a 10km/h nas rúas de plataforma única.