Oito concellos da área sanitaria, en alerta vermella cun crecemento sostido de contaxios
Por Redacción
Oito municipios da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés están este domingo no nivel de alerta número 3, vermello, por contaxios de covid-19 nos últimos 7 días. Trátase de Pontevedra, Poio, Marín, Vilagarcía de Arousa, Soutomaior, Cambados, O Grove e Ribadumia, todos eles municipios cun crecemento sostido do número de casos activos durante as últimas semanas.
Seis destes municipios xa estaban nesta situación de alerta o sábado, pero Poio baixara a nivel laranxa de forma puntual nesa xornada e agora sobe de novo a preocupación. Ademais, incorpórase á lista O Grove, que permanecía no nivel 2 ata o de agora.
No caso de Pontevedra, este domingo hai 357 casos activos de covid-19, cifra que supón un incremento de 11 pacientes máis que o día anterior.
En Marín, a Consellería de Sanidade comunicou ao Concello que este domingo hai 69 casos activos, un máis que onte.
Tamén aumentaron os casos no resto de municipios en nivel 3. Así, Cambados ten 43 tras sumar 9 nunha xornada; Vilagarcía alcanza os 80 tras sumar tres.
O Grove tiña este sábado, nos que son os últimos datos actualizados para o municipio, 25 casos.
Ademais, permanecen en nivel de alerta laranxa Cerdedo-Cotobade, Caldas de Reis e Fornelos. Cerdedo-Cotobade leva nesta situación xa varios días, pero non así os outros dous municipios, que o sábado aparecían en nivel 1 ou amarelo.
No nivel amarelo permanecen este domingo Sanxenxo, Vilanova de Arousa, Vilaboa, Bueu, Cuntis e Ponte Caldelas. Incorpóranse á lista este sábado Vilaboa e Ponte Caldelas, que ata o de agora permanecían no nivel de alerta 0 (verde), tras detectarse neles menos de sete positivos en covid-19 no últimos sete días.
No caso de Sanxenxo, este domingo hai 18 casos activos, un menos que o sábado.
En Vilanova de Arousa non se detectou ningún caso nas últimas 24 horas e os positivos activos son 26, un menos que o sábado, tras recibirse o alta un paciente.
O resto dos municipios da área sanitaria mantéñense no nivel de alerta 0 (verde).