Superar a pandemia xerada pola covid-19 depende de múltiples factores. Un deles é a responsabilidade persoal, a responsabilidade de cada cidadán por cumprir as normas sociais e sanitarias. A ese exercicio diario dedicamos o programa Mentres isto dure.
Contamos con Jorge Nogueira, membro da directiva do Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra e actualmente médico en Atención Primaria. Preguntámoslle: que nota lle pon á responsabilidade cidadá? e a súa resposta vai polo "reforzo positivo para aqueles cidadáns que cumpren coa normativa de prevención: a xente que as cumpre merece canto menos un notable; pero si, hai falta de responsabilidade persoal, estamos a velo estes días con manifestacións, disturbios, situacións inxustificables".
Outra consideración merecen para el situacións que se reproducen "de forma inconsciente", por hábitos, rutinas: baixar a máscara para falar por teléfono, non gardar distancia prudencial para manter unha breve conversación ou un saúdo, etc... "por iso hai que insistir constantemente nas mensaxes". Nogueira é menos laxo con outros comportamentos premeditados e carentes de responsabilidade que non cesan e que derivan en desenlaces nefastos.
Expón experiencias duras que o seu exercicio profesional conleva nesta tesitura sanitaria. Facémoslle en PontevedraViva Radio outra pregunta como médico e ante as cifras actuais de incidencia do coronavirus: sería partidario dun novo confinamento domiciliario?